Xosé Vázquez Castro


Categoría: Pintor
Data de Nacemento: En 1951
Lugar de Nacemento: Ferrol (A Coruña)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

   Cultura
 Currículum

De formación autodidacta, iníciase no debuxo e a pintura ó lado do seu pai, o pintor Vázquez Doce. Ós dezaoito anos expón por primeira vez na Courña. Na súa primeira etapa alterna óleo e acuarela, expoñendo nas catro cidades galegas. En 1974 expón en Santiago de Compostela no Hostal dos Reis Católicos. En 1979 afíncase en Madrid por un período de dous anos e a galería de arte Bercowitsch faille unha exposición de acuarelas. Nesa etapa fórmase como escenógrafo ó lado do director e actor de teatro arxentino Santiago Doria e o dramaturgo Jaime Salón. É seleccionado para asistir a un curso de pintura sobre nu con modelo pola Facultade de Belas Artes de San Fernando, ó tempo que prepara unha exposición para a galería Torques de Santiago de Compostela, onde coñece ó pintor Laxeiro, que lle compra unha das obras alí expostas. En 1981 traslada a súa residencia a Ferrol, onde prepara a obra para a exposición na Institución Cultural El Brocense de Cáceres. En 1982 viaxa a Venezuela e é invitado a expoñer na sala de exposicións da Embaixada Española. Nese mesmo ano prepara as exposicións da Galería Arboreda de Ferrol e a galería Rúa Nova de Lugo. En 1983 a galería de arte Citania de Santiago de Compostela publícalle a carpeta ‘Cuatro Acuarelas’ con originais da súa autoría e textos de Ramón Otero Pedrayo e Salvador Lorenzana e poemas de Pero Meogo, Rosalía de Castro, Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro e Manuel Curros Enríquez. En 1984, a compañía de teatro Ítaca de Santiago de Compostela encárgalle realizar a escenografía da peza Eclipse Total de Christopher Hampton. Do 2 ó 12 de agosto dese mesmo ano, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia invítao a representar a Galicia no XIV Festival Interceltique de Lorient en Francia xunto con Lomarti, Xulio Maside, Morquecho e Ignacio Basallo.

 Obras realizadas

En 1985 expón no Museo Valle Inclán da Poboa do Caramiñal e no Hotel Finisterre da Coruña. En 1988, o Concello da Coruña faille unha exposición de acuarelas de gran tamaño na sala Durán Loriga. Nese mesmo ano a TVG invítao ó programa ‘Entre Nós’ e realiza un cadro mural en directo. En 1989 amosa na súa ciade natal a súa obra de óleos e acuarelas en dúas salas simultáneas, o Museo Bello Piñeiro e o Casino. En 1988 edita a carpeta de gravados ‘Lembranzas’ con poemas de Rosalía de Castro e Alicia Taboada, con prólogo de Mercedes Rozas. Na técnica do óleo e acrílico pinta as ‘Maternidades’, ‘Peixeiras’, ‘Panadeiras’ e todo un sinfín de personaxes, case todos femininos, amosando unha pintura costumista. En 2000 participa na exposición ‘Tres Xeracións’ na homenaxe póstuma que o Concello de Ferrol rende ó seu pai, o pintor Vázquez Doce. Amosa a súa obra na Galería José Lorenzo de Santiago de Compostela e en 2001 realiza a escenografía da peza A Pousada de Petra Cotón. Publícase o catálogo-libro ‘Vázquez Castro’ e en 2002 funda con outros artistas a Asociación de Artistas Plásticos Galegos ARGA con sede en Santiago de Compostela e da que é nomeado presidente, exercendo o cargo ata a data. En 2003 participa nas Feiras das Artes Plásticas nos Concellos de Santiago, A Coruña, Pontevedra, Vigo e Baiona. En decembre dese mesmo ano expón na sala de exposicións da Asociación de Artistas Plásticos Galegos. En 2004 presenta os seus traballos coa mesma técnica e temática na Galería de Arte ‘Alameda’ de Vigo. En 2005 participa coa Galería Auriol-Arte de Santiago de Compostela na homenaxe a Antonio Machín.

 Outros datos de interese

A súa obra atópase en diferentes coleccións e museos: Xunta de Galicia, Fundación Semana Verde de Galicia, Colección Caixa Nova, El Correo Gallego, Casa de Galicia en Córdoba, Museo Carlos Maside, Círculo das Artes de Lugo, Concello da Coruña, Ran Xeros de Caracas (Venezuela), Embaixada Española de Caracas, Irmandade Galega de Caracas, Museo Valle Inclán da Poboa do Caramiñal, Sodiga (Santiago de Compostela), Museo das Peregrinacións (Santiago de Compostela), Casino de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), Casino de Ferrol, Caixa de Aforros de Ferrol, Institución Cultural El Brocense de Cáceres e Real Monasterio de Oya (Pontevedra).