Santiago Rodríguez López


Categoría: Catedrático e escritor
Data de Nacemento: 2 de xuño de 1971 († 19 de marzo de 2024)

Opinión

BVGD
 Currículum

Fillo de emigrantes galegos (o escritor Manuel Oreste Rodríguez López e Irene López Gómez), residiu en Barcelona ata os catorce anos, idade na que se afincou na cidade de Lugo. Casado con Mary Carmen Otero Rolle e pai dun fillo (Carlos), residiu en Santiago de Compostela dende 1997 ata o ano 2002, data na que emigrou ó Reino Unido, primeiro a Southampton e logo a Bristol, onde reside na actualidade.

Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela en 1994 con Premio Extraordinario de Licenciatura. Graduado en 1995 e Doutor en Xenética en 1999 coa calificación de Sobresaliente “cum laude”. Bolseiro postdoutoral primeiramente no Departamento de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela e logo na “Human Genetics Division” da Universidade de Southampton gracias a unha beca “Marie Curie” da Comunidade Europea. Dende Novembro de 2006 é Profesor Titular de Xenética de Poboacións e Xenética Molecular do departamento “Population Health Sciences” da “Bristol Medical School” da Universidade de Bristol.

 

INVESTIGACION

Na actualidade é Director dun grupo de investigación na “Bristol Medical School”. As súas principais liñas de investigación céntranse no estudo da influencia de factores xenéticos en enfermidades multifactoriais humanas tales como a obesidade, a diabetes, enfermidades cardiovasculares e o cancro. Os estudos abranguen puntos de vistas evolutivos, epidemiolóxicos, epixenéticos e funcionais e céntranse, principalmente, na análise xenética de loci complexos tales como variación de número de copias de ADN mitocondrial, CNVs nucleares e haplogrupos non recombinantes en estudos de asociación, Xenética de Poboacións e análises causais por medio de “Mendelian Randomization”. Investigacións levadas a cabo por Santiago Rodríguez López con anterioridade inclúen estudos citoxenéticos, análises de desequilibrio gamético (“linkage disequilibrium”), desenvolvemento de novas metodoloxías para o xenotipado de marcadores microsatélites dinucleotídicos, estudo do cromosoma Y en relación con rasgos de risco de enfermidades humanas e análise xenética das rexións xenómicas IGF2-INS-TH e ACE-GH en relación con rasgos de risco metabólico e cardiovascular. É membro do “Editorial Board” da revista internacional “Genes”, revisor de proxectos de investigación e revisor de artigos de investigación para máis de vinte revistas científicas internacionais.

 

DOCENCIA

Colaborou en tarefas docentes no Departamento de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela no periodo comprendido entre 1996 e 2002, chegando a exercer como Profesor Asociado de dita Univesidade.

Como Profesor Titular na Universidade de Bristol, imparte clases de Epidemioloxía Xenética, “Evidence Based Medicine” e COMP1 (“Community Oriented Medical Practice 1”), a alumnos da licenciatura de Medicina da Universidade de Bristol, sendo tamén supervisor e mentor de aproximadamente unha ducia de alumnos cada ano académico.

Profesor de Xenética de alumnos da licenciatura de Medicina Xenómica, na que é un dos directores da licenciatura.

Profesor de Xenética de alumnos postgraduados e postdoutorais no curso internacional “Genetic Epidemiology”.

Director do módulo “Student Choice” do currículum de Medicina, sendo responsable da organización docente e da coordinación dese módulo, impartido durante os tres primeiros anos da licenciatura de Medicina a un total de 750 alumnos cada ano académico.

Director de Teses de Doutoramento (seis Teses dirixidas dende 2013 ata 2019).

 Obras realizadas

OBRAS CIENTIFICAS

Tesiña de Licenciatura (1995): “Caracterización citogenética de un inusual polimorfismo de número y localización de las regiones organizadoras del nucleolo (NOR) en poblaciones gallegas de trucha común (Salmo trutta L.)”.

Tese de Doutoramento (1999): “Caracterización del desequilibrio gamético entre loci microsatélites de la región telomérica del cromosoma 11p humano”.

Ata o ano 2019, Santiago Rodríguez López publicou máis de 70 artigos científicos de Xenética en revistas de recoñecido prestixio internacional.

Ata o ano 2019, participou en máis de 60 congresos nacionais e internacionais de Xenética celebrados en Estados Unidos, Reino Unido, China, India, Alemaña, Francia, Italia, Portugal, Holanda, Finlandia, Xapón e España.

Autor do libro “Genetic endocrinology of the metabolic syndrome” e autor de capítulos noutros dous libros de Epidemioloxía Xenética.

Coautor dunha patente internacional.

Impartiu diversas conferencias de Xenética no Reino Unido, Alemaña, China, India e España.

 

OBRAS LITERARIAS

Libros publicados na Biblioteca Virtual de GaliciaDigital:

“En torno á parábola das cereixas de Xulio Xiz” (2018).

“Poemas Populares Galegos. Edición especial 50 aniversario 1968-2018” (2018).

“A Paradela de Manuel Rodríguez López” (2019).

 

Participación en libros colectivos:

“Xesús Mato: 75 anos de vida, 50 anos de crego e 25 de exercicio na montaña lucense”, escrito publicado no libro “Mato sono ío” (2009).

“A palabra, espertador de espíritos”, escrito publicado no libro “Cerna de Carballo” (2015).

“Conversando de novo co meu pai na vosa presencia”, escrito publicado no libro “Manuel Rodríguez López, 25 anos despois” (2018).

“Xosé Manuel Carballo: temos un anxo máis no noso ceo” e “Xosé Manuel Carballo e Manuel Rodríguez López conversan xa por sempre no ceo dos galegos”, escritos publicados no libro “Xosé Manuel Carballo, sempre na nosa memoria” (2018).

 

Outras publicacións:

“En memoria do meu pai”, escrito publicado no libro “Festas Patronais de Paradela” (1991).

“Paradela facilita que a semente do meu pai xermole no meu fillo”, prólogo do libro das obras premiadas no V Certame literario do Concello de Paradela (2000).

“O tempo ten a palabra”, prólogo do libro das obras premiadas no X Certame literario do Concello de Paradela (2005).

Prólogo do libro de poemas “Luces en la arena” (2012) escrito por Mary C. Otero Rolle.

Selección dos poemas da “Antoloxía poética de Manuel Rodríguez López” (2014), realizada xunto co Profesor Xesús Alonso Montero (entón Presidente da Real Academia Galega).

 

Outras actividades literarias

Membro do Xurado do Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López organizado polo Concello de Paradela (Lugo). Santiago forma parte do Xurado ininterrumpidamente desde a súa primeira edición en 1995.

Colaborador no blog “Opinión” de GaliciaDigital dende decembro de 2011.

Comisario, xunto con Antonio Giz, da Exposición itinerante “Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro”, inaugurada en agosto de 2013 e que leva percorridos, (ata decembro de 2019), 47 localidades de toda a península ibérica e Canarias.

 Outros datos de interese

Falecido aos 52 anos, realizou un moi importante traballo de rescate e divulgación da obra do seu pai Manuel Rodríguez López, considerado o mellor poeta obreiro galego da segunda metade do século XX.

Foi impulsor do Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López, do Concello de Paradela, da web www.manuelrodríguezlopez.org , de dúas exposicións itinerantes sobre a vida e obra do seu pai, e diversas obras sobre os traballos do escritor paradelense.

Ao día seguinte do seu falecemento, o Concello de Paradela, declarou Fillo Adoptivo do municipio a Santiago Rodríguez López.