Licenciouse en Dereito Canónico na Universidade Gregoriana de Roma (1963) e doutorouse coa tese A perpetuidade subxectiva do beneficio eclesiástico na mesma universidade no ano 1965. Licenciouse con posterioridade en Filosofía e Letras (sección Historia) na Universidade de Santiago de Compostela, coa memoria de licenciatura La Ilustración en la Universidade de Santiago de Compostela (1974), e cinco anos despois acadou o grao de doutor coa tese El campesinado gallego en la Historia contemporánea.
O seu labor docente estivo sempre vinculado á universidade compostelá, da que foi vicerreitor durante curso 1985-1986. Comezou como profesor axudante de clases prácticas de Historia Contemporánea no ano 1974 e continúa hoxe como catedrático de Historia Contemporánea na Facultade de Xeografía e Historia, da que foi o primeiro decano elixido democraticamente (1985-1986)
Foi director do Instituto de Estudos Xacobeos, secretario do Instituto de Estudos Galegos P. Sarmiento, durante tres anos, membro da primeira directiva do padroado Rosalía de Castro. É membro Consello da Cultura Galega desde a súa fundación, actualmente exerce a representación da Real Academia Galega. Membro fundador da refundición do Seminario de Estudos Galegos, membro electo do Instituto José Cornide. Membro correspondente da Real Academia da Historia, da Real Academia de Córdoba de Ciencias, de Bellas Letras y Nobles Artes. Pertence á Real Academia Galega como membro correspondente desde o ano 1971 e como membro numerario desde o 14 de febreiro de 1997, data en que leu o discurso de ingreso, O liberalismo coruñés: a segunda xeración (1823-1846), que foi contestado en nome da institución por don Xesús Alonso Montero. Desde decembro de 2001 ocupa o cargo de presidente. Na Real Academia Galega exerceu o cargo de presidente (20 de decembro de 2001 – 22 de xaneiro de 2010) e de tesoureiro (29 de novembro de 1997 – 29 de novembro de 2001).
A Historia e en particular a Historia política de Galicia foi o motivo das súas moitas conferencias en Galicia e en Portugal, Alemaña, Francia, Xixón, Belgrado, Oviedo, Madrid, Barcelona, Buenos Aires, etc.
Participou como relator en diferentes xornadas e congresos dentro e fóra de Galicia e dirixiu os organizados sobre Estudos Xacobeos (1970), Rosalía de Castro (1985) e Otero Pedrayo (1988).
Desde o ano 1965, en que publicou o seu primeiro libro, ata actualidade, un importante número de obras dan conta do seu labor investigador, entre as súas achegas ao campo xurídico destacan, entre outras, El origen litúrgico del Derecho Canónico ou La estabilidad del beneficio. Os seus traballos de investigación, centrados sobre todo na historia contemporánea de Galicia, están recollidos en artigos e obras publicadas en castelán e en galego. De entre eles pódense destacar: El carlismo gallego (1976), Historia Contemporánea de Galicia (1981), obra pola que recibiu o Premio da Crítica en 1982, La imprenta en Galicia (1982), Historia de la imprenta en Galicia (1990) ou os catro volumes dedicados aos séculos XIX e XX publicados dentro do Proxecto Galicia de Ed. Hércules, Os deputados de Galicia. Biografía de deputados e senadores (1810-2001) (2001) e Historia da Universidade de Santiago (2001)
Ademais, foi e é colaborador habitual en distintas revistas e xornais, que acollen os seus numerosos artigos, nos que Galicia é sempre o referente, en particular a súa historia política e xurídica contemporáneas.
En recoñecemento polo seu labor recibiu o Premio da Crítica (Investigación), en 1985 e 2000, o Premio Santiago da TVG no ano 1987, a Medalla Castelao no ano 1991, a Insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela, o Premio da Asociación de libreiros, entre outros.
Información extraída da web da Real Academia Galega: www.realacademiagalega.org