José Ramón Gómez Besteiro


Data de Nacemento: 15 de novembro de 1967
Lugar de Nacemento: Lugo
 Currículum

É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende moi novo sempre tivo claro que quería pertencer ao Partido Socialista polo que, dende a década dos 90, é militante desta formación política. Forma parte do Comité Nacional do PSOE, da Executiva Galega socialista e, ó mesmo tempo, é Secretario Xeral da Agrupación Local do PSdeG-PSOE desde o ano 2000. O 14 de xullo de 2007 converteuse no primeiro militante do Partido Socialista de Galicia que chegaba á Presidencia da Deputación de Lugo, e no terceiro presidente desta institución dentro da etapa democrática. Antes de ser o máximo mandatario na Deputación, xa exercera como deputado provincial dende 1999, ano no que tamén comezou como voceiro do equipo de goberno no Concello de Lugo –dirixido por José López Orozco- e concelleiro de Urbanismo ata 2007. José Ramón Gómez Besteiro revalidou o seu posto como Presidente da Deputación de Lugo e comezou o segundo mandato despois das eleccións municipais celebradas o 22 de maio de 2011. Frear o despoboamento demográfico da provincia -unha das máis castigadas en España- potenciando o emprego, a economía do medio ambiente e as novas tecnoloxías son as liñas estratéxicas do seu goberno en coalición co BNG. Desde a súa chegada á Deputación abriu a institución e reorientou as políticas provinciais cara proxectos de utilidade á cidadanía como foron: a apertura dunha rede de parques de bombeiros na provincia –a única galega que carecía de servizo-, a creación do primeiro centro público de recría de gando na granxa provincial Gayoso Castro –o que supón contiosos aforros ós gandeiros-, a Universidade Nacional a Distancia en Lugo –ata o momento era a única capital de provincia española sen ela-, saldou a débeda millonaria que mantiña a Deputación con numerosos concellos polo canon hidroeléctrico, completou a transferencia dos hospitais á Xunta –a Deputación era a única de España que aínda mantiña centros hospitalarios-, a próxima posta en marcha dunha rede de residencias da terceira idade con centros de día, etc...