Criouse en Merlán (Chantada) e emigrou ós vinte anos a Barcelona. Durante dezaoito anos traballou como metalúrxico na empresa SEAT. Licenciouse en Historia Contemporánea pola Universidade de Barcelona. Exerceu de profesor. Actualmente é director do Arquivo Histórico Municipal e responsable do Patrimonio Histórico do Concello de Sant Andreu da Barca (Barcelona).
Divulgador da cultura galega en Cataluña, conferenciante, articulista, crítico literario e de arte, a súa obra ensaística está composta por oito libros de diversas temáticas. É autor de quince libros de poesía, creador de literatura infantil e de teatro, autor de tres libros sobre a simboloxía románica en Galicia e Portugal, especialista en literatura de expresión portuguesa en África (a este continente viaxou en numerosas ocasións) e autor de antoloxías poéticas de Portugal, Galicia, Mozambique, Angola, Ginea-Bissau, Macau e Brasil. As súas publicacións sobre literatura e historia están recollidas en diversas publicacións.
En 2018 presenta o poemario 'No soño dos ollos' e os libros de teatro 'O proceso a Lucía Fidalgo' e 'Auto do demo e da viñateira'.
É membro de honra da União dos Escritores Angolanos.