Xosé Cobas Gómez


Categoría: Ilustrador
Data de Nacemento: En 1953
Lugar de Nacemento: Logrosa - Negreira (A Coruña).
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

   Cultura
 Currículum

Xa desde neno mantivo unha grande afección polo debuxo e maila pintura. En 1977 realizou a súa primeira exposición individual de pintura na Coruña, á que lle seguiron outras moitas en distintas cidades galegas e españolas, así como en bienais e certames de Artes Plásticas. A partir de 1980 compaxina a pintura co deseño gráfico e maila ilustración, tanto en libros como en publicacións periódicas. Dende 1988 centra a súa actividade de ilustrador no campo do libro infantil e xuvenil e ten ilustrado a moitos dos autores e autoras máis prestixiosos do panorama literario español como Juan Farias, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey (estes tres, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil), Antonio García Teijeiro, Antonio Torrado, etc. Isto lévao a ve-los seus traballos publicados en diversas editoriais como Grupo Anaya, Everest, Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Magisterio-Casals, Edelvives, Alfaguara-Santillana, etc... Neste eido ten ilustrado arredor de oitenta libros.
Diversas revistas especializadas en literatura infantil e xuvenil téñense ocupado da súa obra, nalgúns casos dedicándolle monográficos como ‘CLIJ’ (Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil), ‘Peonza’ ou ‘Fadamorgana’. Mención á parte merece citar a revista de banda deseñada ‘Golfiño’, na que, xunto co autor Xabier P. Docampo, ten participado cun traballo secuenciado en catro números. Tamén foi galardoado co premio Lecturas na súa cuarta edición no ano 2003 ó ilustrador máis votado polos lectores das bibliotecas de Galicia entre toda a produción editorial do ano. Posúe tamén o premio F.E.T.E.N. ó mellor libro de teatro xuvenil ilustrado en España (ano 2002) e o premio Gourmand World Cookbook Awards 2004 ó mellor libro do mundo de literatura gastronómica en castelán.
Como ilustrador de literatura infantil e xuvenil foi invitado a participar en diversas exposicións, entre outras: ‘Galicia Solidariedade’ (GALIX_Xunta de Galicia), itinerante, ‘As Cores do vento’, Xunta de Galicia, itinerante por diversas cidades de Galicia, ‘Tercer Centenario de Caperucita Roja’, OEPLI (Madrid), itinerante en España, ‘El ratoncito Pérez’, OEPLI (Madrid), itinerante en España, ‘Salón do Cómic da Coruña’ (2002), ‘Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia’ (2001, 2002, 2003 e 2004), ‘Bienal Internacional de Bratislava’ (2003), invitado polo Ministerio de Cultura español e ‘Exposición de ilustración infantil española contemporánea, en Bolzano’, Roma, Nápoles e Cagliari (Anos 2004/05).
Na actualidade, e dende 1991, é o deseñador gráfico da Deputación da Coruña.

 Obras realizadas

Selección de libros de literatura infantil e xuvenil que ten ilustrado:
- ‘A nena de auga e o príncipe de lume’. Xabier P. Docampo. Xerais, 1989 e 1992. Col. Merlín.
- ‘O país durminte’. Xabier P. Docampo. Xerais, 1992. Col. Merlín.
- ‘Fantasía en re maior’. Antonio Teijeiro. Edelvives, 1994. Col. Ala Delta.
- ‘Adelaida, Henrique e demais familia’. Xabier Docampo. Galaxia, 1996. Col. Árbore.
- ‘Cuando por la noche llaman a la puerta’. Xabier P. Docampo. Anaya, 1996 (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1995).
- ‘O pazo baleiro’. Xabier P. Docampo. Editorial Anaya, 1997.
- ‘O home que inventou unha maneira de andar’. Xabier P. Docampo. Galaxia, 1998.
- ‘La posada del séptimo día’. Juan Farias. Editorial Everest, 1998.
- ‘Caderno de fume’. Antonio García Teijeiro. Editorial Anaya, 1999.
- ‘Andrea quere ser maior’. Pepe Carballude. Editorial Everest, 1999.
- ‘Ismael que fue marinero’. Juan Farias. Editorial Everest, 1999.
- ‘Teatro ás tres pancadas’. Antonio Torrado. Xerais, 1999.
- ‘ Nube de neve’. Xabier P. Docampo. Editorial Everest, 2000.
- ‘Unha pantasma branca’. Fina Casalderrey. Editorial Everest, 2000.
- ‘Un circo de nubes’. Xoán Babarro. Editorial Everest, 2000.
- ‘Víchela, víchela?’. Xabier P. Docampo. Magisterio-Casals, 2001.
- Amar e outros verbos. Ana María Fernández. Editorial Everest, 2001 (Premio Lazarillo 2001).
- ‘A merla de trapo’. Antón Cortizas. Xerais, 2001 (Premio Merlín 2001).
- ‘Un conto de tres noites’. Xabier P. Docampo. Xerais, 2002.
- ‘Os peixes de cores’. Antonio García Teijeiro. Xerais, 2002.
- ‘Onde van as bolboretas no inverno?’. Gloria Sánchez. Editorial Everest, 2002.
- ‘A casa da luz’. Xabier P. Docampo. Editorial Anaya, 2002.
- ‘Paseniño, paseniño’. Antonio García Teijeiro. Editorial Everest, 2003.
- ‘O galo avisado e o raposo trampulleiro’. Antonio Reigosa. Ed. Xerais de Galicia, 2003.
- ‘Bolboretas’. Xabier P. Docampo. Editorial Everest, 2004.
- ‘O país de amarnos’. Ana María Fernández. Editorial Everest, 2004.
- ‘Contos de máscaras, rúas, perdicións e caníbales’. AA.VV. Xunta de Galicia, 2004.
- ‘Don Quijote de la Mancha’. Versión e adaptación teatral de Carlos Álvarez-Nóvoa. Editorial Everest, 2005.
- ‘A bruxiña da sorte’. Concha Blanco. Alfaguara-Obradoiro, 2005.

Selección de libros para adultos que ten ilustrado:
- ‘La cocina práctica’. por Picadillo. Editorial Everest, 2001.
- ‘De sabores y de amores’. Manuel Julbe. Editorial Everest, 2004.
- ‘Cuentos populares españoles de Almodóvar’ (Coilustrador) Ed. Anaya, 2002.

A isto hai que engadir a ilustración de diversos libros de texto para distintas editoriais (Anaya, Xerais, Magisterio-Casals, Everest, Santillana, etc...), así como varios libros de poesía e teatro para adultos.