Arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid e doutoramento pola mesma escola. Catedrático de proxectos arquitéctonicos pola Escola Técnica Superior da Coruña. Director do Departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo da Universidade da Coruña desde 1990. Académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias. Cofundador do Colexio de Arquitectos de Galicia. Foi presidente da delegación da Coruña, contador da xunta de goberno e presidente da comisión de cultura do COAG. Fundador do Museo do Pobo Galego, foi presidente da súa xunta xestora e é vicepresidente primeiro do padroado. Premio "Europa Nostra" en dúas ocasións: Tearos (1995) e Catedral de Santiago (1999), rehabilitación e restauración. A súa obra foi seleccionada para a "II Bienal de Arquitectura Española" e para a "I Mostra de Arquitectura Española, período 1980-90".
Publicou diversos traballos escritos como libros, capítulos e artigos: A determinación da arquitectura, Arquitectura y preexistencias: una referencia gallega, Conducta social y hábitat, La construcción y la destrucción del medio, Arquitectura gallega o arquitectura en Galicia... Moitas das súas obras profesionais de arquitectura foron publicadas en diversos medios. Ademais, é autor, xunto cos seus asociados Bartolomé e Almuiña, de diversas obras de arquitectura como vivendas unifamiliares, colectivas, comerciais, públicas, oficiais... e de restauración e rehabilitación.
Entre as súas obras están: Subestación de Fenosa en Galeras (Santiago); Polideportivos en Belvis ou en Montouto, para o colexio "Peleteiro"; Xulgados en Vigo e en Santiago, Facultade de Ciencias Políticas (Santiago); Rehabilitación de varios teatros en Galicia e traballos de rehabilitación e restauración na catedral, en Santo Domingo de Bonaval...