Recibiu a ensinanza do famoso escultor cambadés Francisco Asorey na Escola de Artes e Oficios da súa cidade natal, Compostela, onde fixo o Bacharelato. Licenciouse en Filosofía na Universidade Complutense e doutorouse na Universidade Autónoma de Madrid, cun traballo que despois ampliou e afondou moitos anos nel, Vida masculino/feminina. De aquí naceron logo: Poética de Fondo, na que se rexeita a arte como simple xogo e reivindícase a volta ao sentimento, e Poética formal, onde se alcanzan por primeira vez unhas categorías poéticas formais, extensibles ás demais artes; actualmente está traballando no terceiro volume, que trata do drama, nas súas tres versións: ideal ou convencional, real ou extra escénico e total ou festivo erótico e místico. É tamén froito destes estudios: “Rosalía erótica y existencial”, publicado en Madrid en 2010 e presentado nesta o 18 de novembro do mesmo ano; e “A outra Rosalía”, serie de artigos publicados en El Correo Gallego, na primavera - verán de 2011, que poden consultarse en www.xoseazar.es, así como o resto da súa obra. Escribiu poesía, en galego e castelán, publicada algunha e outra inédita; e teatro, tamén nos dous idiomas. Pero a escultura é agora a súa arte máis amada.
Exposicións colectivas:
2010. Casa de Cantabria de Madrid.
2011. Salón International d’Automne, Sarria (Lugo).
2012. Exposición colectiva na Sala S. Morillo de Villavieja (Madrid).
2012. “Artistas por el mundo”. Exposición de arte contemporánea. Bellage Atelejé Galleri. Estocolmo (Suecia).
2013. En xaneiro foi seleccionado no Concurso de escultura pública monumental para o desenvolvemento escultórico-artístico do futuro Parque de Levante da cidade de Murcia, pasando a súa obra ‘Mediterránea’ a formar parte da Fundación Murcia Futuro, e concedéndoselle o privilexio de ser exhibida, xunto co resto de obras seleccionadas, nunha exposición itinerante por España e EE.UU.
Exposicións individuais:
2012. Centro Cultural Campamento (Madrid).
2012. Escola de Cerámica da Moncloa.
2013. Latina-Arte. Madrid.
2013. Casa de Galicia de Madrid.
2014. Casa de Cultura da cidade de Denia (Alacante).