Leva máis de dez anos no mundo do humor e o audiovisual galego.
A principios do 2000 forma con Marcos Pereiro o dúo cómico “Os 2 de Sempre”, unha proposta que acadou sona co espectáculo As Cantareiras de Ardebullo, no que Touriñán interpreta a Mucha, hoxe un dos personaxes máis coñecidos da televisión galega. Nucha e Mucha acadaron sona grazas ás súas actuacións no programa da TVG “Luar” e despois de actuar en centos de verbenas e festas do país. Un éxito que o levou a dirixir e presentar o seu propio programa, Tourilandia, un espazo líder de audiencia estreado na TVG en 2012. No ano 2007 abriu en Carral xunta Marcos Pereiro o local de espectáculos Sala The Star, que se mantivo activo ata 2012.
No 2009 funda, tamén con Marcos Pereiro como socio, a súa propia produtora, Airapro Producións, unha pequena empresa con sé en Carral e Betanzos e que traballa no sector audiovisual e da representación artística, xestionando grupos musicais e humoristas como Heredeiros da Crus, Pepo Suevos e as propias Cantareiras de Ardebullo.
Licenciado en Filoloxía Galega e pai de dous fillos, Touriñán ten participado noutros programas, series e filmes, como “Padre Casares”, “Botarse ao Monte”, “Era Visto”, “Land Róber”, “Os Fenómenos” ou os premios Mestre Mateo, dos que foi o presentador dous anos consecutivos.