Estudiou Humanidades en Compostela e chegou a dominar linguas clásicas, francés, inglés e italiano. Ó longo da súa vida desempeñou diversos cargos na Coruña como rexedor bienal (1763), capitán da Milicia Urbana (1764), primeiro vocal da Xunta Nacional de Camiños (1782) e comisario do Consulado (1785). En Santiago tamén desempeñou o posto de rexedor perpetuo (1766) e representante nas Xuntas do Reino en 1769 e 1781.
Con vinte anos presentou como discurso de ingreso na Academia da Historia unha Disertación geográfica histórica sobre cuál hubiese sido el antiguo asiento de la ciudad Límica o Lémica, señalada por patria de Dacio en el prólogo de su Cronicón. Dos seus traballos científicos destaca fundamentalmente o Mapa corográfico de la antigua Galicia, así como numerosos informes, proxectos e monografías sobre agricultura, minería, pesca, educación, xeografía e historia natural. Desde o punto de vista lingüístico-literario, deixou un soneto titulado "A Filida", que está considerado como unha gran peza da nosa literatura pola súa forma e sensibilidade. A súa obra quedou practicamente inédita e algunha parte perdida.
En 1765 fundou a Academia de Agricultura de Galicia e uns anos despois participou na creación da Sociedade Económica de Santiago e da Sociedade en Lugo.