Aprende as primeiras nocións musicais co seu pai, Emilio, tocando o fliscorno desde os sete anos na banda Armonía, que dirixía este. Durante a Guerra Civil cambiou o fliscorno polo saxo tenor, instrumento co que tocou na Banda Municipal de Lugo durante máis de corenta anos. Foi ademais o copista oficial da formación, facendo tamén diversas transcricións.
Durante os anos 40 e 50 tocou nalgunha das orquestras máis importantes de Lugo: Orquestra Vélez, Binario… Xa nos anos sesenta funda o seu propio grupo, a Orquestra Nanz.
En 1989 compuxo “Ferreira de Pallares. Estampa Galega” como unha homenaxe á terra que o viu nacer. A obra foi estreada pola Banda Municipal de Lugo o día das Letras Galegas dese mesmo ano e está gravada no disco de 1991 da Unión Musical de Valladares.