Fillo de emigrantes galegos, en 1973 a súa familia volve a España, instalándose en Madrid, onde Abeleira inicia a súa andaina como poeta, narrador, tradutor, músico, xornalista e crítico literario.
En Madrid publica os seus primeiros libros de poemas “Umbral del Centinela / La piel iluminada” (Olifante, 1997), volume dobre nomeado ós premios Ícaro de Literatura do Diario 16, Identidades (Hiperión, 1998) e “Nueve motivos para un obsequio” (Mandala, 2001, unha obra realizada xunto á pintora brasileira de sumi−e Lourdes Parente). En Madrid estréase tamén coma autor de literatura para nenos, coa serie “Las aventuras de Nunavut”, pola que é elixido “autor do mes” na revista CLIJ.
Alí estuda teatro con José Carlos Plaza e William Layton, dirixe unha montaxe baseada en dúas pezas curtas de Tennessee Williams (“Querencia”, estreada no Teatro del Mercado de Zaragoza), crea un grupo musical (“La República”, con disco homónimo) e traballa coma xornalista (Cuadernos Hispanoamericanos, El Urogallo, Diario 16, El Público) e como guionista na TVE.
En 1999 trasládase á Coruña. Esa volta ó país onde naceran os seus pais impúlsao a tomar a decisión de escribir exclusivamente en galego. A partir dese momento publica “Magnalia” (un “libro de artista” creado coa poeta Olga Novo e a pintora e poeta Alexandra Domínguez), “Animais Animais” (con dúas versións distintas: unha en Espiral Maior e outra, bilingüe e ampliada, en Bartleby Editores), unha nova versión da serie “As aventuras de Nunavut” e un ensaio lírico e fotográfico verbo da obra e da figura de Manfred Gnädinger, “o alemán de Camelle”, titulado “A pegada de Man”.
O seu labor como tradutor abarca xa máis dunha trintena de nomes, entre os que salientan os de Rimbaud, Apollinaire, Breton, Desnos, Char, Artaud, Michaux, Rabearivelo, Esteban, Bonnefoy, Shelley, London, Berger, Ginsberg, Hughes ou Plath.
Na actualidade colabora como columnista e crítico literario nos xornais La Opinión da Coruña, El Heraldo de Aragón e El País e participa no espectáculo "Música para un Ouveo"-"Música para un Aullido", unha obra para quinteto e recitador creada polo compositor galego Borja Costa a partir do célebre poema de Allen Ginsberg e traducida ó galego e ó castelán polo propio Abeleira.