Os primeiros contactos cos instrumentos populares veñen da súa nenez ó lado do seu pai, co que máis adiante, e sendo un rapaz empeza a traballar na súa casa natal. Despois veñen as ocasionais viaxes a Lugo para colaborar con Paulino no obradoiro da Deputación, ó que se incorpora de xeito definitivo no ano 1975, onde traballa ata a súa xubilación no ano 2001. Durante todos estes anos desenvolveu un intenso labor a favor da difusión e formación de futuros artesáns, que o involucran con colectivos de eivados, colexios e persoas individuais de diferentes lugares, Francisco Luengo (director da Capela Compostelana e artesán) e Manuel Brañas (director do obradoiro da Deputación de Ourense) son bos exemplos. Paralelamente, estudia solfexo no conservatorio de Lugo e zanfona con Xosé Luís Ribas Cruz. O seu afán de superación fai del o verdadeiro motor deste obradoiro que soubo adaptarse ás necesidades e demandas que trouxo consigo a revalorización da cultura tradicional de finais dos 70. Súa é a idea dun cambio tecnolóxico importantísimo na zanfona, o sistema desmontable da súa roda, estes instrumentos son especialmente apreciados pola súa riqueza en harmónicos. Aínda que ocasionalmente, ten participado en gravacións e pequenas mostras musicais xunto a Miro Casavella e Luciano Pérez.