Estudiou Maxisterio e Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela. Entre 1971 e 1984 exerceu como profesor de Educación Xeral Básica e a partir de 1985 como profesor de Lingua e Literatura Galega en institutos de Educación Secundaria. En 1989 ingresou no Corpo de Inspectores de Educación, realizando a súa actividade na provincia de Lugo. Desde 1996 e ata hoxe desempeñou diferentes cargos na administración autonómica, foi subdirector xeral de Centros e delegado provincial en Lugo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Desde xullo de 2000 é director xeral de Política Lingüística, o organismo da Xunta de Galicia responsable da promoción, do uso e a normalización da lingua galega.
Con motivo da súa actividade profesional e administrativa, é autor e colaborador de diferentes traballos relacionados coa didáctica e a pedagoxía, así como a sociolingüística e a planificación lingüística. Así, ten participado como relator e conferenciante en mesas redondas, relatorios e simposios de importantes congresos levados a cabo en Galicia, España e no estranxeiro. Igualmente, é membro do Consello Escolar de Galicia e do Comité Asesor das revistas “Dorna” e “Revista Galega do Ensino”.