Xesús Lorenzo Varela Vázquez


Categoría: Poeta
Data de Nacemento: En 1916 (†En 1978)
Lugar de Nacemento: La Habana (Cuba)
 Currículum

Fillo de emigrantes galegos, viviu durante algúns anos en Cuba e Arxentina. Posteriormente, regresa a Lugo, onde estudia o Bacharelato e entra en contacto con destacados galeguistas da época como Ramón Piñeiro, Castelao, Paz Andrade, Celso Emilio Ferreiro, Ricardo Carvalho Calero, Xosé Velo e Francisco Fernández del Riego. Anos máis tarde trasládase a Madrid, onde segue vencellado á República a través das Misións Pedagóxicas da República, a revista ‘PAN’ e o xornal ‘El Sol’, onde colabora como crítico literario. Alí contacta con Eugenio Granell, Rafael Dieste e Carlos Maside e milita no Partido Comunista. Ó final da Guerra Civil e derrotada a República, marcha a Francia, de onde foxe posteriormente a México continuando coa súa actividade xornalística e de creación literaria en revistas como ‘Romance’ e ‘Taller’. A finais de 1941 volve a Arxentina, onde traba amizade con Rafael Dieste, Luis Seoane e Eduardo Blanco Amor. Como militante do Partido Comunista Arxentino e a raíz do golpe de estado de 1976, abandona Arxentina e establécese de novo en Madrid, onde reside ata a súa morte en 1978.

 Obras realizadas

Durante a Guerra Civil española colaborou en publicacións revolucionarias como ‘Hora de España’ e ‘El Mono Azul’. A partir de 1941 desenvolve a súa obra poética en Arxentina, destacando fundamentalmente os seus libros: ‘Torres de amor’ (1942, en castelán), ‘Catro poemas galegos’ (1951) e ‘Lonxe’ (1954). Ademais, continúa o seu labor xornalístico, colaborando en xornais como Clarín, El Mundo e La Nación e en revistas como ‘Primera Plana’, ‘Sur’ e ‘Cabalgata’. Póstumamente, publícase ‘Homaxes’ (1979), que inclúe poemas en galego e castelán, a súa Obra Poética Completa e a obra en castelán ‘Ensayos, conferencias y otros escritos’.

 Outros datos de interese

Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 2005.