Manrique Fernández Vázquez


Categoría: Xornalista e escritor
Data de Nacemento: 4 de xuño de 1965
Lugar de Nacemento: Sistallo, Cospeito (Lugo)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

 

Licenciado en Ciencias da Información, na rama de Xornalismo, pola Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid. Rematados os estudos, regresa a Galicia, onde exerce a súa profesión en distintos medios de comunicación, tanto na prensa escrita como en radio e televisión, en diferentes funcións e con distintas responsabilidades (“Radio Coruña-SER”, “El Ideal Gallego”, “El Correo Gallego”, “TVG”, “A Coruña. La Gaceta Local”, “La Galería del Ocio”, “16 pistas”, “A Peneira”, “Atlántico Diario”, “Faro de Vigo”, “Si Radio”, “Pregón”, “Malladoura”, “Galiciaencantada.com”, “Kalaikia”, “V Televisión”, “CanZine”...).

Dende o seu nacemento en 2002 exerce de director - xerente da Fundación Rogelio Groba, mantendo colaboracións esporádicas con algúns medios.

Tamén foi presidente da Asociación pola Defensa do Patrimonio Inmaterial “Bagaña da Remelisca” e da Asociación Cultural “A Casa da Triga”, ambas na localidade de Ponteareas (Pontevedra).

 

 Obras realizadas

Publicou a biografía autorizada de Rogelio Groba (“Meditacións en branco e negro”. Xerais, 2000), así como un libro de conversas co compositor (“Diabolus in musica. Conversas con Rogelio Groba”, Galaxia, 2011). Da súa colaboración tamén naceron dúas óperas (“Floralba” e “Pedro Madruga. O Noso Rei”), unha ópera infantil (a adaptación do conto de Charles Perrault “O gato con botas”), unha cantata (“Corpus en Ponteareas”), un réquiem (“Samaín. Réquiem galego”), un ciclo para banda (“Os Muíños do Rosal”), e dúas cancións (“No meu colo” e “Panxoliña do porvir”), todas elas musicadas polo Mestre Groba sobre textos de Manrique Fernández.

Ademais publicou o libro “Floralba” (Egasur, 1999), que recolle o libreto da ópera do mesmo título e o poema orixinal no que se baseou; e “Ponteareas máxica. Mitos, ritos e lendas” (Asociación de Comerciantes de Ponteareas, 2001), no que recompila varias lendas da zona relatadas en verso.

Ten publicado contos na revista “Pregón” (“Unha rosa non é unha rosa”) e no certame Relatos de Verán de “Xornal” (“A raíña e o bufón”). Vén de proclamarse vencedor do XVIII Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López na categoría de Narrativa co conto “Mar maior”, que foi publicado nun libro que recolle todos os traballos premiados nesta edición, editado polo Concello de Paradela.

Tamén publicou o libro de relatos "Crónicas de Embora" (Toxosoutos, 2014), e a novela "Tres feridas" (Belagua, 2015).