Estudiou o Bacharelato en Lugo e Xornalismo en Barcelona. Escritor e colaborador de prensa en Barcelona, onde vive dedicado desde hai case 40 anos ás letras e ó xornalismo. En 1991 o Padroado do Pedrón de Honra concedeulle o galardón polo seu labor de difusión nunha ampla temática de cultura galega no exterior. Colaborou nos diarios "La Vanguardia" e "El Periódico de Barcelona" e na "Voz de Galicia" da Coruña, así como nas revistas"Destino", "Mundo", "Historia y Vida", "Nueva historia" e "Hora de Poesía" de Barcelona e en "Triunfo" e "Tiempo de Historia" de Madrid, así como nas revistas barcelonesas de gastronomía "Bouquet", "Gastronomía y Enología" e "Comer e beber". Actualmente colabora semanalmente nos diarios "Faro de Vigo" (decanato da prensa española), "O Correo Galego" de Santiago e "El Progreso" de Lugo. Deu varias conferencias en Barcelona e varios pregóns en diversas poboacións galegas. Pertence á Asociación Colexial de Escritores de España e á Asociación internacional de críticos literarios de París.
Autor das seguintes obras en castelán: Rosalía de Castro. Vida y Obra (Plaza & Janés, 1967). Castelao: entre la realidad y el mito (Plaza & Janés, 1986). La magdalena de Proust (novela) (Grupo Axsa-Diario 16 de Galicia, Vigo, 1992).
Publicou en galego: O Conde de Viloide (novela) (Edicións Sotelo Blanco, Barcelona, 1985). A Monchiña (novela) (Edicións do Castro, Sada, A Coruña, 1987). Agora que vou morrer axiña... (novela) (Edicións do Castro, 1993). Sempre Galicia no meu corazón (selección de artigos publicados en "La Voz de Galicia" da Coruña) (Sotelo Blanco, 1991). É, así mesmo, autor de: Los últimos días de la República (Bruguera Barcelona, 1975).
Tradutor de: Aires de mi tierra, de Curros Enríquez (edición bilingüe en galego e castelán; cun ensaio sobre a época, o home e o poeta). Edicións, 29, Barcelona, 1989. O seu último libro publicado é o titulado Lume esmorecido (Ir Indo, Vigo, 1999).