A musica e a literatura estiveron presentes na súa infancia e na súa obra (súa nai foi pianista e seu pai, Manuel Lugrís Freire, escritor). Nos seus primeiros anos a súa formación foi autodidacta e a súa dedicación á pintura foi tardía.
Antes de 1936 colaborara nas Misións Pedagóxicas con Rafael Dieste, facendo títeres e escenografía. As súas primeiras exposicións datan dos anos corenta. En 1949, fixo unha exposición na sala "Macarrón" (Madrid) e dous anos máis tarde comezou unha época de gran actividade e decisiva na súa creación. Pintou o Tríptico de las lamentaciones, que pode ser considerada como unha das súas obras mestras. En 1952, realizou dúas ilustracións para o libro de poemas El vagabundo de Luz Pozo Garza. Ademais da súa importante colaboración na revista coruñesa "Atlántida", con numerosas ilustracións e debuxos, estes son algúns dos títulos máis importantes de Urbano Lugrís: Sonata, Paisaje con fiesta, Cormoranes, Fondo marino, Virgen del Cristal, Torre de Hércules, Pez, Nieve en el puerto, Homaxe aos músicos do mar, Habitación de un marino viejo, El anticuario, Conchas marinas, Caballo marino, Ramo marino, etc. Ademais, realizou murais para a confraría de pescadores de Malpica (A Coruña) e decorou tabernas, restaurantes e o Instituto de Cultura Hispánica.
A Asociación da Prensa da Coruña celebrou unha exposición homenaxe en outubro de 1975. Tamén renderon homenaxe a Urbano Lugrís e á súa obra a sala "Giannini" da Coruña (1975) e a galería "Ábside" (1981).