Santy é un dos máis prolíficos autores galegos. Dedícase en exclusiva ó debuxo desde comezos dos anos 90: tras pasar nos seus inicios por El Correo Gallego e pola edición viguesa de La Voz de Galicia estableceuse definitivamente (e ata hoxe) en Atlántico diario, El Progreso de Lugo, La Opinión de A Coruña, e La Región, xornais nos que publica varias viñetas diarias, caricaturas e outras seccións que se ofrecen semanalmente. Para El Progreso realiza, ademais, un dos seus mellores traballos (como el mesmo recoñece): continua-la tarefa de dar vida ás historias debuxadas de Pelúdez, un personaxe popular de 100 años de antigüidade, creado polo fundador de El Progreso. Colabora tamén habitualmente con revistas de cómic e doutros xéneros, algunhas revistas polas que pasaron os debuxos de Santy son “Mister K”, BD BANDA, BARSOWIA, H2OIL, Raigame, Motorgalicia, Bricolaxe e Xardinería, Metrópolis, TodoBasket, Hobbypress, Revista do Real Club Deportivo (RCD), etc. Ademais, colaborou coas súas ilustracións en decenas de libros de texto e contos xuvenís para editoriais galegas como Xerais (do grupo Anaya) e Rodeira (do grupo Edebé) e tamén realizou traballos para empresas de publicidade.
Humor gráfico, ilustracións e caricaturas nos xornais El Progreso de Lugo, La Opinión de A Coruña, Atlántico diario e La Región.
Páxinas de Cómic semanalmente na “Revista Mister K” (El Jueves) e en “Drôles D’histoires” n7 (Ed. Vents d’ouest) H2OIL e BD Banda.
Literatura infantil e xuvenil: Tanis I o Mocos (Xerais), Resalgario (Xerais) e Estanislao Principe de Sofrovia (Xerais).
Libros educativos: Contos e Lendas Celtas (Xerais), Lingua e Literatura 1º, 2º, 3º y 4º Eso (Xerais), Restra de letras (Xerais), Lingua 2º primaria (Rodeira) e Lingua 1º, 3º y 4º ESO (Rodeira).
Ten participado en varios certames de caricatura e humor gráfico: gañou o primeiro premio (dotado con 6.000 €) e dous accésits no concurso nacional de Humor Gráfico Joven & Brillante e o primeiro premio da Bienal da caricatura de Ourense do ano 1998. A súa obra ten sido exposta no museo do humor de Fene (A Coruña), no salón do cómic da Coruña, e en varias mostras organizadas pola Fundación Xeral da Universidade de Alcalá de Henares. No ano 2003 comezou con ilusión un proxecto colectivo xunto a outros debuxantes (Javi Montes, Marcos Calo e Fernando Llorente). Trátase dun estudio onde producen con calidade caricaturas, humor gráfico e tamén cómics, traballos publicitarios, deseños de personaxes, story boards, etc. Polo de pronto, todos eles conseguiron estrearse no mercado francés da historieta da man de autores como Jackes Goupil e Sylvia Douillet e para ese mesmo mercado están desenvolvendo outros proxectos persoais.
É, ademais, membro da directiva da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración). Os esforzos desta Asociación van dirixidos a fortalece-lo sector da ilustración, a informar ó profesional e a dignifica-la profesión. www.agpilustracion.org
Pódese ve-lo traballo de Santy na súa páxina web www.santygutierrez.com e nos portais de Internet de tebeosfera, cultura galega, portal el can, AGPI...