Licenciada en Filoloxía Inglesa, asistía ás clases da Escola de Cerámica de Madrid cando, unha tarde, entrou por erro na aula do Seminario de Estudos do Encaixe e quedou fascinada. Co diploma de encaixeira debaixo do brazo e a ilusión de toparse de fronte coa súa vocación, abandonou o traballo que tiña en Madrid e regresou á súa terra de palilleiras co único propósito de construí-la súa propia escola. Imparte os seus cursos de verán de palillos no hostal ‘Casa Cruceiro’ de Las Nieves (Pontevedra). Desde 1984, centos de persoas procedentes de tódolos puntos de España e doutros países europeos asisten nos meses de verán ás clases de Mariña.
É a primeira muller española en formar parte da ‘Asociación Internacional de Encajeras de Bolillo y Aguja’, adquiriu bibliografía sobre esta técnica e viaxou. Importou coñecementos –da República Checa trouxo o encaixe moderno, os motivos que, desde 1925, sacan da casa as encaixeiras checas: broches, colgantes e outros complementos, que quitan protagonismo ás prendas de enxoval, ás que tradicionalmente se dedicou este labor– e curiosidades, como os bolillos con contas de cristal que se empregan en Inglaterra para conseguir que pesen e non roden.