Samuel Diz Sierpes


Categoría: Músico
Data de Nacemento: En 1986
Lugar de Nacemento: Tui (Pontevedra)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

Web Samuel Diz
 Currículum

Gradúase en 2009 no Conservatorio Superior de Música Manuel Castillo de Sevilla baixo a dirección de Gaëlle Solal e segue a súa formación artística ao lado de grandes mestres como Alen Garagic, Daekun Jang e José Luis Rodrigo. Ten actuado en diferentes países, destacando a súa presentación na Universidade de Yale (EE.UU.), ou no Festival Internacional das Artes de Harare – HIFA (Zimbabwe), unha das citas culturais de maior relevancia do continente africano. Completa a súa formación na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, e na actualidade é director artístico do festival “Música no Claustro”, que organiza a S.I. Catedral de Tui.

 Obras realizadas

Comprometido coa recuperación do patrimonio musical galego, presenta en decembro de 2012 “Guitarra Clásica Galega”, traballo discográfico baixo o selo “Ouvirmos” e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais e a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. “Guitarra Clásica Galega” fai un percorrido polo pasado, presente e futuro do instrumento na nosa cultura, coa recuperación de obras inéditas como a “Pastoral” para guitarra de Jesús Bal y Gay, a colección de valses “Violetas” de José Fernández Vide, ou a comisión do “Nocturnal (Bal y Gay)” ao compositor compostelán Fernando Buide, un canto á guitarra galega que inexplicablemente non fora formulado ata o de agora. Segundo o musicólogo Leopoldo Neri: "este crisol caleidoscópico de pezas para guitarra, tan esplendidamente interpretadas polo tudense Samuel Diz, desvélanos un íntimo e sensual espazo da historia musical galega e, á vez, o vigor compositivo dos nosos días”.

 Outros datos de interese

En 2013, obtivo o Premio da Crítica, no Palau da Música Catalana.

En 2011, a Casa da Provincia de Sevilla editou a súa investigación sobre a figura e gravacións históricas de Juan Antonio Torres (Premio Nacional da Música, 1973), no disco recompilatorio “Sonidos de una Juventud”, recibindo a Insignia de Ouro de “Temas Sevillanos”. En 2012 dirixe e presenta a producción “On the Road”, coa colaboración da bailarina Gisela Creus e o ilustrador Álvaro Reinoso, traballo inspirado na experiencia vivida durante a estancia na illa de Porto Rico do guitarrista tudense, Samuel Diz.

YouTube: http://www.youtube.com/watch?v=HPXz9pMvXSo

Blog de Guitarra Clásica Galega: http://guitarraclasicagalega.blogspot.com.es/