Mª Teresa Rodríguez Pol


Categoría: Relixiosa e mestra
Data de Nacemento: 12 de febreiro de 1952
Lugar de Nacemento: A Pontenova (Lugo)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Filla de dous labregos, Xosefa e Eusebio, ten tres irmás e un irmán. Foi a unha escola unitaria da parroquia de S. Xoán de Rececende, coñeceu alí as primeiras letras, baixo a man agarimosa de Dona Gloria; sendo aínda unha nena, vai andando soa por camiños e carreiros ata a Pontenova e alí prepárase con D. Enrique e Dona Branca para proba pedagóxica e ingreso no instituto, no curso 1966-67 vén a Lugo onde se estrea o Colexio Menor Feminino “Santísimo Sacramento”, sendo unha das primeiras alumnas internas, cursa bacharelato elemental e superior no Instituto Feminino “Nosa Señora dos Ollos Grandes” de Lugo. Ao remate do bacharelato, despois de ingresar como relixiosa das “Fillas da Parroquia, Auxiliares do Bo Pastor”, é enviada á comunidade de Madrid para cursar alí estudos de teoloxía. De volta a Lugo comeza os estudos de maxisterio coa especialidade de filoloxía: lingua española, francés e galego na Escola Universitaria de Lugo.

 Obras realizadas

Ao rematar maxisterio comeza a súa andaina profesional na escola Anexa Feminina de Lugo, onde fixera as prácticas escolares os dous anos anteriores, máis tarde vai destinada ao colexio do Incio. En xullo de 1979 aproba as oposicións como profesora de EXB na especialidade de filoloxía, e o curso seguinte é nomeada profesora de francés, galego e relixión no colexio de Paradela, logo cambia de aires cara a alta montaña lucense onde exerce de mestra da escola unitaria de Teixeira de Caurel, con lembranzas inesquecibles do seu paso por alí; no curso 1981-82 é proposta como profesora en comisión de servizos para o colexio “Divino Maestro” de Lugo, ata o seu nomeamento definitivo no colexio de Alfoz, onde estivo un curso; volta de novo ao colexio “Divino Maestro” de Lugo onde exerce na actualidade.

 Outros datos de interese

Ao longo da súa vida profesional é impulsora entre os seus alumnos da lingua e cultura galega, facéndolles sentir o que ela viviu desde a súa nenez, non esquecendo nunca que eses alicerces van mesturados sempre con valores humanos e cristiáns.
Como relixiosa estivo sempre vinculada á catequese, á liturxia parroquial, á colaboración con Cáritas e na Casa Diocesana de Exercicios xuntamente coa comunidade colabora na acollida da xente que ata alí chega, tendo unha especial relevancia estes últimos anos a colaboración con “Cirujanos del Mundo” con nenos traídos desde Uganda para ser intervidos polos membros da ONG de graves enfermidades.