Nace en A Coruña en 1964. Estudia solfeo, piano e conxunto coral no Conservatorio desta cidade.
En 1985 finaliza os seus estudos de Realización de Televisión no Instituto Oficial de Radio e Televisión de Madrid e comeza a traballar en Televisión de Galicia como axudante de realización, sendo xa realizador seis meses máis tarde.
En 1988 licenciase en Imaxe e Son pola Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid. Dende entón compaxina a súa actividade laboral como realizador de programas en TVG coa realización de campañas publicitarias, vídeos institucionais e documentais coa docencia de cursos de realización de televisión.
Becado pola Fundación Barrié, en 1992 completa un Máster en Televisión, Radio e Cine na Syracuse University. Durante o verán de 1992 traballa na emisora filial da Public Broadcasting System en Syracuse (Nova York); reincorporándose a finais deste mesmo ano á Televisión de Galicia, onde realizou dende entón programas especiais, musicais e de debate.
Obtivo varios premios polos seus programas de televisión e vídeos documentais.
En 1998 termina os seus estudos de doutorado na Universidade Complutense de Madrid, no Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade I e actualmente prepara a súa tese doutoral na Universidade De Santiago de Compostela sobre o proceso de dixitalización de Televisión de Galicia.
Dende o ano 2000 é membro da Academia das Artes e Ciencias da Televisión de España e da Academia Galega do Audiovisual.
Dende 2001 ata 2008 foi Profesor Asociado á Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Universidade de Vigo, onde compaxinou a súa actividade docente coa coordenación dos laboratorios audiovisuais da Facultade e co traballo como realizador de programas de televisión en Televisión de Galicia.
Dende setembro de 2008 ata 2022 foi Profesor Asociado de Comunicación Audiovisual e Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Segue traballando como Realizador de TV en Televisión de Galicia.