Pedro López Gómez


 Currículum

Doutor en Xeografía e Historia pola Universidade Complutense de Madrid, Licenciado en Filosofía e Letras na mesma Universidade e Documentalista pola Escola de Documentalistas tamén de Madrid. Foi bolseiro do "Stage Technique International d'Archives" (París, 1978) e da Bentley Historical Library (Ann Arbor, Michigan, 1994). Pertenceu ó Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos do Estado (Rama de Arquivos) de 1974 a 1989 e de 1996 a 1997, e ó “Corpo Facultativo Superior de Arquivos” da Xunta de Galicia de 1989 a 1996; desempeñou os cargos de Director do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra (1974-1985), do Arquivo do Reino de Galicia na Coruña (1986-1995) e do Arquivo da Coroa de Aragón, en Barcelona (1996-1997). Na actualidade é Profesor Titular de Universidade, na Área de Biblioteconomí-a e Documentación (1999-...) e imparte docencia na Diplomatura deste nome: Biblioteconomía e Documentación (1998-...) na Licenciatura de Documentación (2003-...) e no Programa de Doutorado “Patrimonio Histórico e Cultural de Galicia” na Facultade de Humanidades, Universidade da Coruña (1998-...).

 Obras realizadas

As súas actividades profesionais seguiron catro direccións fundamentais:
1. O asociacionismo, como membro da directiva da Anabad (Asociación Española de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas) en diversas Xuntas, ata 1996; foi fundador e primeiro presidente de Anabad Galicia (1983-1986), e membro do Grupo de Traballo dos Documentos de Arquitectura do Consello Internacional de Arquivos (1989-1996), e do Grupo de Traballo de Arquiveiros de Galicia (2001-...), entre outros varios.
2. A investigación histórica, con estudos sobre a historia dos arquivos, as institucións e corporacións galegas, os ilustrados e as institucións culturais coruñesas, e as biografías de personaxes como Cornide, Murguía e Iglesias Brage. Entre outros traballos, citamos a súa tese doutoral “La Real Audiencia y la conflictividad social en Galicia en la Edad Moderna” (2v. 1994), publicado co título “La Real Audiencia de Galicia y el Archivo del Reino” (1996), e as monografías “José Cornide, o coruñés ilustrado” (1997), e “La Expedición Iglesias al Amazonas” (2001). Coordina o Grupo de Investigación da UDC “La Herencia de la Ilustración”.
3. A teoría e a práctica arquivística: estudou as políticas arquivísticas e os sistemas de arquivos españois e elaborado propostas e informes técnicos (1991, 2006) para a comunidade autónoma galega e dirixiu ou realizou guías, catálogos e inventarios referentes ó Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, e ó Arquivo do Reino de Galicia, en especial os catálogos de instrumentos de descrición documental, as guías temáticas, e os catálogos resultantes do proxecto de descrición informatizada do fondo da Real Audiencia, no Arquivo do Reino de Galicia.
4. A docencia arquivística: foi asesor da sección de arquivos do Curso de Especialización en Ciencias Documentais, para post-licenciados, das Universidades de Lisboa, Coimbra e Porto (1984), e impartiu a materia de Arquivística nas de Lisboa (1984-1986, 1989) e Porto (1987, 1989, 1991, 1993), universidades coas que colabora habitualmente; realizou asesorías e cursos no Arquivo Xeral de Centro América (Guatemala) (1988 e 1991) e no Arquivo Nacional de Panamá (1993); dirixiu a Escola de Arquivos do Arquivo do Reino de Galicia (1988-1990); e participou no Master de Arquivos da Universidade do País Vasco, Vitoria (1991, 1993, 1995), e no Curso de Arquivos Permanentes da Universidade de Recife (Brasil) (1994) e na II e III Mestría en Xestión Documental e Administración de Arquivos da Universidade Internacional de Andalucía (2005; 2006), entre outras. É autor de diversos manuais e estudos de arquivística e documentos de arquivo (1985, 1990, 1994, 2007).

 Outros datos de interese

Publicou como autor, coautor, coordinador, director, editor literario ou colaborador, medio centenar de títulos entre libros (31) e capítulos de libros (37); un bo número de artigos de revista (74) e unha boa parte das súas comunicacións e relatorios a congresos (52 de 78); obras que versan sobre temas de historia moderna e contemporánea, biografías, bibliografía, documentación e documentos, arquivos e arquivística.