Exerce como profesora titular de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo e foi profesora de Lingua e Literatura Española e de Lingua e Literatura Galega de ensino medio en Santiago de Compostela, Chantada e Lugo, así como titular destas últimas disciplinas na Escola de Formación do Profesorado de EXB de Lugo, nos catro casos por oposición libre, respectivamente en Salamanca, A Coruña, Santiago de Compostela e Lugo. Dirixiu o grupo de investigación “Muller e literatura” e organizou o “Encontro Internacional Mulleres Escritoras” no seo da Universidade de Santiago de Compostela. Coordina, con Claudio Rodríguez Fer, a publicación libertaria Unión libre. Cadernos de vida e culturas
Carmen Blanco centrouse especialmente nas interrelacións de poder, muller, sexo, cultura e literatura, temática na que abriu camiño en Galicia cos libros Literatura galega da muller (Xerais, 1991), Escritoras galegas (Compostela, 1992), Libros de mulleres (Do Cumio, 1994), O contradiscurso das mulleres (Nigra, 1995), Nais, damas, prostitutas e feirantas (Xerais, 1995), Mulleres e independencia (Do Castro, 1995), El contradiscurso de las mujeres (Nigra, 1997. Versión actualizada da obra homónima traducida por Olga Novo), Luz Pozo Garza: a ave do norte (Linteo, 2002) e Alba de mulleres (Xerais, 2003). Tamén é autora de Estraña estranxeira (BVG, 2004) e, no xénero narrativo, do libro Vermella con lobos (Xerais, 2004).
Sobre literatura e cultura galega publicou os libros Conversas con Carballo Calero (Galaxia, 1989) e Carballo Calero: política e cultura (Do Castro, 1991), así como diversas edicións introducidas de autores contemporáneos: Códice Calixtino (Xerais, 1992), Historias fidelísimas (Linteo, 2003) e Memoria solar (Linteo, 2004) de Luz Pozo Garza, e, en colaboración con Claudio Rodríguez Fer, Con pólvora e magnolias de X. L. Méndez Ferrín (Xerais, 1989) e Os eidos de Uxío Novoneyra (Xerais, 1990). Colaborou en numerosos libros colectivos, actas de congresos, revistas especializadas e xornais.
Formou parte do movemento feminista galego dende o seus inicios nos anos setenta e escribiu a letra do himno galego da "Marcha Mundial das Mulleres 2000. Marchando máis alá", cantado por Pilocha e instrumentalizado por "Milladoiro". Cultivou a creación plástica deseñando e ilustrando os poemarios Tigres de ternura (Reprografía 1846, 1981), Historia da lúa (Galaxia, 1984), Vulva (Libros da cebra, 1990) e A muller núa (Compostela, 1992) de Claudio Rodríguez Fer, ao igual que o Manifesto por un movemento vital (1990) deste mesmo autor. Utiliza o seudónimo Emma Luaces en homenaxe á libertaria rusa Emma Goldman e á súa liñaxe materna. Promoveu a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.