Residía en Pambre, no concello de Palas de Rei. Profesionalmente foi carteiro (1951 a 1972) e con posterioridade traballou como xardineiro en instalacións da Seguridade Social na Coruña ata a súa xubilación.
Líder veciñal de Pambre, desde 1966 foi primeiro presidente do Teleclub de Pambre, e despois da Asociación de Veciños de Pambre, que continuou o labor cultural e social daquela agrupación.
Durante todos estes anos e ata maio de 2010, que se conseguiu abrir ao público o Castelo de Pambre, Enrique Guitar encabezou unha loita continuada e intensa a prol do progreso da parroquia, da consecución do alumeado público, do teléfono, da mellora de vías de comunicación e da dignificación e apertura ao público do único castelo galego que resistiu os ataques dos irmandiños e segue a mostrar a súa orgullosa estrutura orixinal.
Durante as máis de tres décadas que a propiedade non permitiu o acceso ó interior do recinto, Enrique Guitar representou a oposición veciñal a unha situación inxusta e á degradación dun valioso elemento monumental.
Ao seu traballo débese o trazado hai anos da estrada de acceso á localidade, encargándose da consecución dos terreos precisos, así como a construción do edificio social do Teleclub-Asociación de Veciños, onde se celebraban as misas por atoparse pechado o acceso á capela románica existente no interior do recinto do Castelo.
No momento do seu pasamento, con 95 anos de idade e 49 de presidencia veciñal seguía a ostentar, cada vez con maior actividade, a presidencia efectiva dunha asociación de veciños que se dedica na actualidade de xeito especial á atención dos peregrinos a Compostela e aos visitantes do castelo.