Desde moi novo foi afeccionado ó teatro e dirixiu un pequeno grupo de teatro que representou en Sada dúas obras: Un fillo de bendición e Os consellos do tío Xan. En 1929 chegou a Bos Aires e foi membro das comisións directivas da Sociedade Nacionalista Pondal, do Centro Coruñés, do Consello de Galiza e da Irmandade Galega. Colaborou con artigos en diferentes medios de prensa, especialmente no xornal A Fouce.
Publicou o seu primeiro artigo en 1933 titulado "A patria dos galegos". Escribiu as seguintes obras de teatro: Un ovo de dúas xemas (estreada en 1938), Enguedello (estreada en 1939), Para iso son teu amigo, Uxío e Catro estampas de beiramar. Ademais, deixou inéditas A nosa terra é nosa, O afiador e Un remedio malfadado. Ricardo Flores tamén desenvolveu un importante labor dentro dos grupos corais. Como resultado desa actividade publicou o libro Escolma de Cantigas Galegas en 1984.