Ramón P. Rodríguez Montero


Categoría: Profesor de Universidade
Data de Nacemento: 30 de Setembro de 1960
Lugar de Nacemento: Madrid
 Currículum

É licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid (1984), e doutor en Dereito pola Universidade Autónoma de Madrid (1989). Foi Profesor encargado de curso nivel B e Profesor Axudante de Universidade na Universidade Autónoma de Madrid desde 1984 a 1990. Profesor Titular interino de Universidade desde 1990 a 1992, na Universidade da Coruña, da que, desde 1992, é Profesor Titular de Dereito romano. Tamén desde 1990 é Profesor Tutor do Centro Asociado da UNED na Coruña. A súa actividade investigadora veuse centrando nos ámbitos científicos do Dereito romano e da Historia xurídica de Galicia. Na área do Dereito romano, as súas investigacións concretáronse no estudo de diversas cuestións formuladas dentro do ámbito dos dereitos reais –especialmente en materia de servidumes prediais-, do dereito de obligacións e contratos, do dereito de familia, e da metodología casuística. Na área da Historia xurídica de Galicia preocupouse por estudar o proceso histórico seguido ata a consolidación lexislativa das peculiaridades xurídicas privadas propias de Galicia, as características das mesmas, e o seu posterior desenvolvemento operado doutrinal, xurisprudencial e lexislativamente ata os nosos días.

 Obras realizadas

Dos libros publicados, cabe sinalar, entre outros, os titulados “Servidumbres y serventías. Estudios sobre su regulación jurídica y desarrollo jurisprudencial en Galicia” (A Coruña, 2001); “La Ley de Dereito civil de Galicia: balance de un lustro y análisis de su revisión” (A Coruña 2002), en calidade de coordinador do mesmo; “Responsabilidad civil de profesionales y empresarios. Aspectos nacionales e internacionales” (A Coruña, 2006), como editor-coordinador; “De Gallaecia a Galicia. Historia, Lengua y Cultura” s.f. (pero, 2010), como editor e coordinador; “Galicia y su Derecho privado. Líneas históricas de su formación, desarrollo y contenido” (A Coruña 2012); “Técnica jurisprudencial romana” (A Coruña 2011), como coautor. Ademais das obras monográficas citadas, ten publicados en revistas xurídicas de ámbito nacional e internacional e libros colectivos máis de cincuenta colaboracións doutrinais.

 Outros datos de interese

Desempeñou diversos cargos académicos de xestión, sendo Secretario do Departamento de Dereito Privado da Universidade da Coruña (1990-1991) e da Facultade de Dereito de dita Universidade (1991-1999). Así mesmo, foi coordinador da División de Ciencias Xurídicas, Económicas e Empresariais do Centro Asociado da UNED na Coruña (2003-2010). Dirixiu a Revista Xurídica interdisciplinar internacional "Anuario da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña" desde 2005 a 2009, da que anteriormente tamén foi o seu Secretario, desde a súa creación en 1997 ata 2004, pasando a formar parte con carácter vitalicio do Consello científico interno da Revista desde 2010. Tamén desde 2010 dirixe a Colección internacional “Ciencia y Pensamiento Jurídico”, editada por Andavira Editora e forma parte do Consello científico da Revista General de Derecho romano, editada en formato electrónico por iustel. É socio de diversas asociacións científicas internacionais dentro do ámbito romanístico e de estudos sobre Galicia, participando con diversos relatorios e comunicacións en congresos de ámbito nacional e internacional, moitas das cales foron publicadas como artigos doctrinais en diversos libros colectivos e revistas nacionais e internacionais especializadas. Ten a condición de académico correspondente da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación desde o ano 2005, e da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación Española desde o ano 2006. É maxistrado suplente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desde 1992 e interveu no III Congreso de Dereito Galego como membro da Comisión de Estudos do mesmo.