Ramón Muñiz


Categoría: Sociólogo
Data de Nacemento: 6 de agosto de 1942 († 30 de novembro de 2018)
Lugar de Nacemento: Ourense
 Currículum

É licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía. Funcionario estatal, traballou como sociólogo rural no Servizo de Extensión Agraria, para logo ser transferido á Xunta de Galicia no ámbito dos servizos sociais, exercendo no goberno tripartito de xefe de servizo de planificación nesta materia. Experto en temas sociais, promoveu varias ONG,s como a Asociación de Traballo Social Comunitario da que foi presidente e a Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, actuando como vicepresidente. Así mesmo, escribiu artigos, deu conferencias, participou con relatorios en congresos e organizou xornadas, seminarios e encontros sobre esta materia. Tamén coordinou unha sección de artigos quincenais relativos a temas de traballo social que durante ano e medio, e baixo o epígrafe “O gran na rocha”, publicáronse no xornal “A nosa Terra”.

 Obras realizadas

No campo da socioloxía rural: “Aspectos sociolóxicos da montaña galega, a familia, a comunidade e a ideoloxía” e “Estudio sobre a muller na sociedade agraria galega”. No campo dos servizos sociais: “O pobo oculto, pobreza e acción social en Galicia” e “Benvida maldita vellez”. No campo do medio ambiente “Guía das fervenzas da Coruña” e “Guía das fervenzas de Pontevedra”. Pendente de publicación “Fervenzas de Lugo e Ourense para gozar”. Actualmente é presidente da “Irmandade Moncho Valcarce”, asociación promovida por amigos deste coñecido crego agrarista cun caracter de recuperación da nosa memoria histórica. Tamén é articulista do xornal galego de información xeral “A Peneira” e da súa edición dixital. Foi membro da dirección nacional da UPG na época da clandestinidade. Fundador dos CALL (Comités de Axuda a Loita labrega) e promotor das CC.LL (Comisións Labregas) e da ANPG na clandestinidade. Tamén foi un dos promotores e fundadores do BNG (Bloque Nacionalista Galego) e membro da súa primeira Dirección Nacional como independente.