Licenciado e doutor en Filoloxía Clásica pola Universidade de Salamanca, é catedrático de Filoloxía Latina na Universidade da Coruña. Foi director do Departamento de Filoloxía Española da Universidade da Coruña (1991-92), secretario xeral da Universidade da Coruña (1992-97) e actualmente é director xeral de Universidades da Xunta de Galicia desde 1997. Foi bolseiro do "Deutscher Akademischer Austauschdienst" para investigar na Academia de Baviera (Alemaña) en 1983. Director e coordinador de numerosos congresos, simposios e cursos de especialización, imparte anualmente cursos de doutoramento nas Universidades da Coruña e Santiago, e impartiunos nas Universidades do País Vasco, Mallorca e Cádiz. Director de Proxectos de Investigación do MEC (DGICYT) e da Xunta de Galicia (CICET). Foi profesor e coordinador no "Máster de Medios Audiovisuais de La Voz de Galicia". Actualmente dirixe un grupo de investigadores no Centro de Investigación "Ramón Piñeiro" para a elaboración do Corpus Documentale Latinum Gallaeciae e para levar a cabo o proxecto As raíces culturais e literarias de Galicia: Os escritores de Galicia antes do Galego.
É autor de 13 libros, varios deles relacionados coa cultura de Galicia, como son O primeiro espertar cultural de Galicia (1989); Exeria. Viaxe a Terra Santa (1991); Guía medieval do peregrino. Libro V do Códice Calixtino (1993) e o máis recente, Cultura, relixión e supersticións na Galicia sueva. Martiño de Braga "De correctione rusticorum", que foi publicado e presentado en xuño de 1997 na "Casa de Galicia" en Madrid. Escribiu case un cento de artigos publicados en diversas revistas científicas nacionais e estranxeiras e pronunciou numerosas conferencias en foros nacionais e estranxeiros.
Dirixiu os programas educativos EDAL e PEAL da Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Política Lingüística. Codirixiu o programa En Familia, tamén da Xunta de Galicia. En 1994 foi galardoado co premio "Xesús Taboada Chivite" de investigación. É o presidente da "Asociación de Amigos de Otero Pedrayo". Foi vocal de premios en diversas ocasións, como o Premio das Artes e as Letras da Xunta de Galicia, o Premio Otero Pedrayo, o Premio Losada Diéguez, o Premio da Crítica de Galicia, o Premio Espiral Mayor, etc.