Ramón Lorenzo Vázquez


Data de Nacemento: 16 de setembro de 1935
Lugar de Nacemento: Eirapedriña, Ames (A Coruña)

Real Academia Galega
 Currículum

Doutorouse en Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid coa tese Traducción galega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla (1966), pola que recibiu o Premio Extraordinario de Doutoramento. Foi catedrático de Filoloxía Románica na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Valladolid (1973-1977), de Gramática Histórica da Lingua Española (1977-1981) e de Lingüística e Literatura Galegas (1981-2002) na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Participou na fundación do Instituto da Lingua Galega (1971). Dirixiu o Departamento de Lingua Española (1977-1981) e de Filoloxía Galega (1981-1988) da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Ingresou na Real Academia Galega o 7 de maio de 1999.

A investigación filolóxica (edición de textos, lexicografía, literatura, gramática histórica ou historia da lingua) centra o interese dos seus numerosos artigos e publicacións exentas coma Sobre cronologia do vocabulário galego-português (Anotações ao ‘Dicionário etimológico’ de José Pedro Machado) (1968), La tradución Gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla (2 vol, 1975-1977) ou Crónia Troiana (1985, Premio Losada Diéguez 1985 e Premio da Crítica 1986). Dirixiu o Coloquio Internacional de Lexicografía (Santiago de Compostela, 1986), o XIXº Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románicas (Santiago de Compostela, 1989) e o Segundo coloquio científico internacional sobre tradición, actualidade e futuro do galego (Trier, 1993). Dirixiu a revista Verba. Anuario Galego de Filoloxía (1990) e coordinou traballos de investigación coma PATROM (Patronymica Romanica) e Dictionnaire historique des noms de famille romans. No ámbito da tradución, adoito en colaboración con Úrsula Heinze, salientan algúns títulos coma Misal Romano (1987) e doce obras traducidas do alemán, entre eles O ponche dos desexos (1990, Premio Ramón Cabanillas de tradución), de Michael Ende, e As galiñas do vento (2000), de Günter Grass. Foi cofundador do grupo literario Brais Pinto (1958) canda Herminio Barreiro, Alexandre Cribeiro, Méndez Ferrín e Reimundo Patiño. Como autor literario cómpre salientar Esa loita (1956, Premio Castelao do Centro Galego de Bos Aires) e o libro de poemas O que se foi perdendo (1959). Foi un dos impulsores da revista de creación Dorna, da que tamén foi director. Galardoado nas Festas Minervais de Santiago de Compostela en poesía (1955, 1956, 1957 e 1959) e narración (1956), pertenceu ao Alto Consello Asesor do Padroado Rosalía de Castro (1976), ao Consello Reitor da Fundación Otero Pedrayo (1981), ao Consello da Cultura Galega (1983-1999), á Deutsch-Galicische Gesellschaft (Presidente de Honra desde 1998) e á Comissão de Acompanhamento do Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa. Formou parte do comité científico de varios congresos internacionais (Oviedo, 1995; La Habana, 2000; Lugo, 2000; Santiago de Compostela, 2002), do comité científico do Congreso Internacional de Lingüística, Léxico & Gramática (Lugo, 2000), do comité científico do Congreso Internacional de Onomástica Galega Frei Martín Sarmiento (Santiago de Compostela, 2002) e foi conseiller da Société de Linguistique Romane (1989-1995). Ademais, foi membro de honra da Associação Portuguesa de Linguística (desde 1989) e da Asociación Hispánica de Literatura Medieval (desde 1985).

 

*Texto extraído da web da Real Academia Galega www.realacademiagalega.org.