Pepe Coira


Data de Nacemento: En 1963
Lugar de Nacemento: Rábade (Lugo)
 Currículum

É licenciado en Xeografía e Historia –especialidade de Hª da Arte Moderna e Contemporánea- pola Universidade de Santiago e diplomado en Historia e Estética da Cinematografía pola Universidade de Valladolid.
Desde 1983 foi crítico cinematográfico no xornal El Correo Gallego, seguindo como redactor nos anos 1986-87. Foi guionista dos programas para TVG Extramuros (1987) e Luces da cidade (1988-89), un programa de cine. Á marxe da televisión realizou a vídeo-instalación Paso (1990).
Entre 1988 y 1997 traballou para a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Foi director do CGAI nos sete primeiros anos de vida deste organismo, ocupado da promoción, difusión e recuperación do audiovisual galego. Trala súa dimisión como director do CGAI, dá clase na Escola de Imaxe e Son ata o ano 2000.
Incorpórase entón á produtora Voz Audiovisual, primeiro como director de Desenvolvemento e logo, desde 2004, como subdirector da compañía, para a que exerceu labores de produción executiva e edición de guión de series televisivas de ficción (Mareas vivas, Terra de Miranda, A miña sogra e máis eu e As leis de Celavella) e documental (Vida nas mareas e O mundo de Celavella), así coma da longametraxe De bares.

 Obras realizadas

En 2006 comeza a traballar para o grupo Fílmax na produtora Bren Entertainment, sendo xefe de Desenvolvemento da mesma e produtor executivo de Filmax TV. Neste período dedícase especialmente ao xénero documental, tanto seriado (Hai que mollarse e Botarse ao monte -en produción), coma longametraxes: Lume e fume, Historia dunha parroquia, Tolos por Xapón, O premio da rubia, Prodixiosos e Eloxio da distancia.
No ámbito da docencia foi profesor asociado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra entre os anos 2004 e 2007 e no Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade da Coruña desde a súa fundación.
Traduciu ao galego as Notas sobre o cinematógrafo, de Robert Bresson (1994). É autor dos libros As catro vidas dunha película (1995), Antonio Román. Director de cine (1999, cunha segunda e ampliada edición en castelán: Antonio Román, un cineasta de posguerra; premio ao mellor libro universitario español do ano 2004), Unha (brevísima) historia do cine (2001), No verán de 1940 (2004) e colaborou nas obras colectivas Historia do cine en Galicia (coord. José Luis Castro de Paz, 1997), Diccionario del cine español (coord. José Luis Borau, 1998) e Diccionario do cine en Galicia (1896-2000), do que tamén foi coordinador.

 Outros datos de interese

Á marxe de asuntos audiovisuais, é socio fundador da editorial TrisTram, na que se dedicou a traducir relatos e poemas de autores clásicos universais.