Pedro José García Balboa


Pseudónimo:Frei Martín Sarmiento
Categoría: Botánico e escritor
Data de Nacemento: 9 de marzo de 1695 (†En 1772)
Lugar de Nacemento: Villafranca del Bierzo (León)
 Currículum

Con catro meses trasládase coa súa familia a Pontevedra, onde vive ata os quince anos. Así, o 3 de maio de 1710 marcha a Madrid e ingresa na Orde Benedictina. En 1714 marcha a Salamanca a estudiar Teoloxía e é entón cando cambia o nome e matricúlase na Universidade como Frei Martín Sarmiento. Tras unha breve estancia en Asturias regresa a Madrid non sen antes viaxar a Pontevedra para despedirse da súa nai (desta viaxe de verán quedou constancia nos seus escritos). Así, reside en Madrid durante vinte anos, aínda que durante este período fai unha estancia de máis dun ano en Toledo. Desta etapa destacan as súas obras: Martinus contra Martinum (1726), Demostración crítico-apologética del Theatro Crítico Universal (1732), Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles (entre 1741 e 1745) e Reflexiones literarias para una Biblioteca Real (1743). O ano 1751 é decisivo na traxectoria científica de Frei Martín Sarmiento, pois comeza a desenvolverse a súa preocupación de naturalista e botanista, que plasma nos seus Pensamientos Crítico-Botánicos (1753-1762).

 Obras realizadas

A instancias de Sarmiento créase o Real Xardín Botánico e desde 1743 reclama a creación de bibliotecas públicas e xardíns botánicos en diversas cidades e ó estilo dos que hai en Europa, así como a constitución da Academia de Agricultura e das dotacións de cátedras universitarias de Historia Natural, Agricultura e Botánica. A influencia das súas visitas a Galicia da lugar a obras como Coloquio de 24 gallegos rústicos, onde narra algúns feitos con fidelidade histórica e propiedade filolóxica, servindo de base para o comentario lingüístico das voces recollidas na súa terra. En 1955 regresa a Madrid e inicia o Catálogo de voces vulgares, y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables, así como a segunda parte do Catálogo de voces y frases de la lengua gallega. Esta é, sen dúbida, a época de maior fecundidade. Traballa na Botánica para clasifica-los materiais recollidos en Galicia e comezan a saír numerosos escritos sobre o tema. Os seus estudios son cualificados como excelentes repertorios de materiais lingüísticos galegos dunha época na que aínda era impensable a elaboración dun Diccionario Galego. Frei Martín Sarmiento foi un home adiantado ó seu tempo e loitou pola súa terra. En vez de admirar, estudiar e gaba-la lingua castelá, céntrase na análise da lingua galega, a máis desprestixiada da nación naquela época.

 Outros datos de interese

Ramón Mariño recolle as teses sobre a obra de temática galega do Pai Sarmiento, que na súa opinión xiran en torno ó problema lingüístico, semántico e de comunicación do galego como causa do atraso da súa patria; o seu rexeitamento ó castigo físico que sufrían algúns nenos por expresarse en galego na clase; a súa defensa convencida de que ós nenos había que ensinárlle-la mesma lingua que falaban na case e tamén se debía predicar ós fregueses na lingua que lles era propia; e, en definitiva, o seu convencemento de que isto implicaba introduci-lo galego na escola, nos xulgados, nas igrexas e na Administración. A R.A.G. dedícalle o "Día das Letras Galegas" do ano 2002.