Gonzalo Rodríguez Caride


Categoría: Artesán
Lugar de Nacemento: Vilar en Lavadores, Vigo (Pontevedra)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

   Cultura
 Currículum

Artesán dunha nova xeira de constructores de instrumentos musicais galegos, ós catorce 14 anos comeza a toca-la gaita de man do mestre Enrique Otero. Posteriormente será o fundador e partícipe de diversos proxectos e agrupacións musicais. É de sinalar a escola de gaitas ‘Amieiros e Lagares’ e posterior grupo de gaiteiros do mesmo nome. Seguirán o grupo tradicional ‘Paseniño’ e os grupos folk ‘Colectivo Paseniño’ e ‘Seitura’. Da relación e a colaboración con distintos persoeiros e músicos, mentar dun xeito especial a mantida con D. Ricardo Portela, un dos mellores e máis emblemáticos gaiteiros galegos. Gonzalo Caride amósase como un gaiteiro de estilo e personalidade propias, de toque enxebre, destro i elegante, bo coñecedor do instrumento. Dedicaráse máis tarde ó ensino e divulgación da gaita e a música tradicional galega nas distintas asociacións da súa bisbarra. No Obradoiro Escola de Gaitas, Pitos, Zanfonas e Requintas da U.P. de Vigo, cursará estudios para a aprendizaxe da construcción de instrumentos musicais populares galegos entre os anos 1983 e 1986, baixo a dirección do sonado e prestixioso mestre artesán Antón Corral. Máis recentemente consolida a súa formación musical con estudios de solfexo e violín no conservatorio privado Amadeus de Vigo e continúa a súa actividade como gaiteiro no grupo tradicional Bailía do Vilar.

Na actualidade dirixe a Escola de Gaitas do Vilar en Lavadores. É membro do grupo folk Contradança, de música galaico portuguesa de Vigo, e do grupo de contacontos, música e teatro de sombras Touporroutou de Vigo.

 Outros datos de interese

Xa con obradoiro de seu, vén construíndo gaitas e frautas de xeito artesanal e profesional. Os instrumentos musicais de Gonzalo Caride caracterízanse polo amor ó detalle e emprego de materiais e madeiras nobres, obtendo así excelentes acabados. Dende sempre, na Galiza, os vellos artesáns aplicaron toda a súa experiencia e habilidade para arrinca-los mellores sons dos instrumentos feitos por eles. En Caride o amor ó instrumento, a experiencia e a intuición musical son tamén a clave para obter un bo son, de aí nace un timbre nítido e brillante, que se percibe ó escoitar os seus instrumentos.