Cando aínda era moi novo tivo que emigrar a Cuba, un camiño que, como moitos outros contemporáneos seus, iniciou pensando no seu retorno.
Desde a súa chegada á illa, fixou a súa residencia na Habana, onde lle foi fácil impregnarse dos elementos culturais máis característicos da sociedade cubana. Alí tamén iniciou os seus estudos musicais, mergullándose nos ritmos caribeños dos que ao pouco tempo se convertería nun dos seus máis destacados representantes, chegando, incluso, a incorporarlle novas influencias.
Entrou a formar parte na Banda de Música do Estado Maior do Exército Constitucional, onde puxo en evidencia o seu talento, á vez que foi ampliando os seus coñecementos por medio da práctica de diversos instrumentos e de ensaiar as súas habilidades para a composición. Esta aprendizaxe vocacional, unido ao seu afán por cultivarse en todo tipo de cuestión relativas á música aportoulle unha maior proxección, se cabe, nos ambientes no que se movía, conseguindo ser moi loado polos máis prestixiosos autores e intérpretes da época.
Así pois, o primeiro cuarto do século XX empregouno Sinesio na súa propia formación. Este foi o momento no que a música cubana emprendía o camiño que lle outorgaría unha identidade propia dentro da música internacional, quedando moi marcada polos ritmos das culturas instaladas na illa que a diferenciarían claramente de todas as outras músicas coñecidas. Sinesio Fraga asumiría esas liñas mestras como propias facendo que evolucionasen, á vez que el mesmo se perfeccionaba como autor e crítico, o que lle deu renome e unha fama moi merecida, chegando a firmar obras singulares como “Sonatas de Suevia”, coa que conseguiría un gran eco popular en toda la illa.
Sinesio non só se dedicou a compoñer senón que tamén foi requirido por diversos medios de comunicación galegos para publicar nas súas páxinas artigos críticos sobre música e teatro. Entre as revistas e xornais que máis textos lle publicaron estiveron Cultura Gallega, Galicia o Eco de Galicia. Neles expuxo os seus comentarios sobre obras tan importantes como o Himno Gallego de Pascual Veiga, así como sobre outras composicións que se foron presentando. A isto hai que engadir outras colaboracións ou textos de homenaxe a Pascual Veiga, José Castro González Chané, ao que el definía como o maestriño, ou Ricardo Fuertes. Na revista Cultura Gallega, fai, ademais, referencia a algunhas formacións musicais ou músico-corais e a músicos cubanos e galegos que dirixiron corais e orquestras no Centro Galego ou noutras sociedades da emigración.
Sinesio Fraga dirixiu unha banda de música que alternaba historias ou situacións escritas polo mesmo con escenificacións preparadas por un dueto dramático coa execución do repertorio musical.
A súa importancia como crítico foi tal que cando el cualificaba positivamente unha obra ou unha actuación musical, a súa valoración xa era considerada en si mesma como un galardón, pois procuráballe unha difusión entre o público moi notable. O seu interese pola crítica teatral guiouno incluso a escribir dúas obras que quedaron inéditas: “Marcelo e La Musa”, xunto con outra “Pensamientos”, na que recolle algunhas meditacións persoais.
No mes de abril de 1936, Sinesio anunciou, no primeiro número da revista Cultura Gallega, a publicación do seu método de solfexo e teoría musical “Teoría Elemental de la Música”. Esta obra foi moi ben acollida pola crítica, converténdose pronto nun dos textos de referencia dos centros de ensinanza musical de Cuba. O seu mérito foi destacado por insignes personalidades como Pedro Sanjuán, director da Orquestra Filharmónica; Benjamín Orbón, director de centros de ensinanza musical; Gonzalo Roig, fundador e director da Orquestra Sinfónica; Amadeo Roldán, un dos máis destacados compositores cubanos, ou María Muñoz de Quevedo, fundadora da Sociedade Coral da Habana, a verdadeira iniciadora da música coral en Cuba, entre moitos outros.
Nos seus anos de xuventude, Sinesio mantivo contactos con algúns dos membros máis activos e relevantes da política independentista galega na Habana, chegándose a implicar nalgunhas das súas organizacións. Un dos grupos nos que participou como activista foi Xuntanza Nacionalista Gallega d´Habana. Esta formación fora creada por Fuco Gómez, quen xa contribuíra á constitución dos primeiros grupos nacionalistas galegos en Cuba como Irmandade Galega da Habana, en 1917, liderada por Julio Sigüenza, ou o Partido Autonomista Galego, formalizado dous anos despois.
O 20 de xuño de 1920, Fuco, Andrés Orjales, Sinesio Fraga e outros novos nacionalistas estableceron Xuntanza Nacionalista Gallega d´Habana, e, como non podía ser doutro modo nesa época, crearon Nós un órgano xornalístico para a difusión das súas ideas. O xornal estaba escrito integramente en galego e en cada editorial reivindicaba a identidade histórica de Galicia como nación e proclamaba o dereito á súa independencia. Contaba cunha sección chamada Novas da Causa, na que se expoñían as actividades promovidas por Xuntanza en Galicia e Cuba. Non obstante, tamén exercía de foco cultural ao tratar de fomentar a literatura e a lingua galega. Entre os seus colaboradores máis destacados estiveron: Andrés Rodríguez Orjales, Tomás Rodríguez Sabio, Camilo Díaz Seoane, Sinesio Fraga ou Xosé Arias Portela.
A cabeceira mantívose pouco tempo na rúa xa que, tralos primeiros oito números, Fuco decidiu cambiala pola de Tierra Gallega ao ano seguinte, subtitulándoa como Órgano da Xuntanza Nacionalista Galega d’Habana e paladín de honra da Raza Céltiga. Nos seus inicios, encargouse de dirixila Francisco Gómez Gómez, de Becerreá, pasando despois a facerse cargo dela o propio Sinesio que sería o seu redactor xefe entre os anos 1921 e 1922.
A pesar de que Xuntanza Nacionalista contou cun grupo numeroso de afiliados, os seus esforzos por poñer en práctica as súas ideas non foron nunca demasiado evidentes debido á falta dun líder que unise as diferentes correntes ideolóxicas que latían no seu núcleo, o que a levou á súa extinción que en 1925.
Aínda que Sinesio Fraga permaneceu en Cuba ata a chegada da Revolución, neses momentos pérdese a súa pista como a de tantos outros que desapareceron ben por falecemento, por ocultación ou por que tomaron o camiño do exilio.
Sinesio Fraga faleceu na Habana na medianoite do 28 de marzo de 1951.
Texto facilitado por José Manuel Suárez Sandomingo.