En 1978 viaxou a Barcelona e simultaneou os estudios de bacharelato coa realización de curtos experimentais en "Super8". En 1984 desprazouse a Madrid continuando a súa formación audiovisual no CEV (Centro de Ensinanza da Imaxe) paralelamente con cursos de perfeccionamento en iluminación e son. En 1986 fixou a súa residencia en Santiago de Compostela traballando nas productoras audiovisuais "CTV SA" e "Espello Video Cine" (A Coruña) mentres estudiaba na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, que abandonou cando empezou a traballar na Televisión Española en 1989.
En 1997 realizou un curso de posgrao sobre a realización de documentais do que sae Kompostela, capital bravú, codirixido con Basilio Martín Patino e outros autores, e que resulta finalista nos premios AGAPI na sección de documentais. Ó longo da súa carreira fixo unha gran cantidade de reportaxes e documentais que se emitiron por televisión (La Primera, La 2, Canal Internacional, Grandes Documentales Hispasat, Canales Temáticos, 24 Horas, Euronews, etc.) colaborando en distintas áreas e destacando como director de fotografía. O documental Naviegos, os outros arraianos, no que fai de director de fotografía, guionista e director, é o traballo máis persoal xa que parte das súas vivencias infantís en torno á vila natal nas ribeiras do río Navia. Entre os seus documentais máis importantes podemos destacar: Segura Torrella, paisaxe e paisanaxe (1990), viaxe pola obra dun dos mellores e máis esquecidos pintores galegos do século XX; Kompostela, capital bravú (1997), a capital de Galicia vista con outros ollos, outra Compostela á marxe da oficialidade, e Naviegos, os outros arraianos (2001), unha visión subxectiva do río Navia no que o autor busca os fantasmas do pasado, as súas raíces.
Acadou o premio do xurado no Festival Internacional de Cine "El riu" de Barcelona no ano 2002. Foi invitado a participar na sección fóra de concurso no "The New York Latin American Cinema Festival, LaCinemaFe".