Tras remata-lo bacharelato, estuda Contabilidade Mercantil e Enxeñería Téxtil. Realizou esbozos de Debuxo e Pintura no Centro Massana e diplomouse en Debuxo e Óleo en CEAC. Domina francés e italiano. Por motivos familiares desprázase a Galicia, onde polos anos 70 fixa a súa residencia en Pontevedra, volvendo a retoma-la pintura que, por uns anos, quedara aparcada. Empeza a súa andadura galega nesta materia, entrando a formar parte do alumnado das clases de gravado e cerámica, que se impartían na Delegación de Cultura. Alí modela as súas propias creacións en barro e vidrado. Rematados estes cursos, empeza a tomar parte en exposicións colectivas, concursos e bienais, gañando algúns premios. Logo lánzase á aventura en solitario compaxinando en colectivos por Portugal e Cataluña. É membro da Asociación Artística Cultural de Pontevedra.
Realiza varias exposicións en distintas Salas de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Tarragona L’Espluga de Francolí, Conca de Barberá, etc. Despois de máis de catorce anos impartindo clases en distintos centros escolares, abre en 1997 o Centro de Arte Ma-Te dedicado á ensinanza en diversas actividades relacionadas coa arte, exercendo como directora e profesora de Debuxo e Pintura. Ese mesmo ano realiza unha exposición na Sala Teucro de Pontevedra celebrando o ‘Día da Muller’.
En 1998 expón no ‘Fogar do Maior’ da Xunta de Galicia e en Pontevedra queda expresada a súa pintura nun mural. Co novo século compaxina clases de pintura con exposicións en Portugal (Sala de Exposicións Valença do Minho). Realiza unha exposición colectiva con artistas portugueses, invitada pola Universidade laboral de Valença do Minho, conmemorando a súa inauguración e outra da Asociación Artística Cultural de Pontevedra na Casa de Galicia en Barcelona. Participou durante tres anos na mostra ‘Veranee con Arte’ na zona comercial de Pontevedra.
No ano 2003 realiza unha exposición en febreiro no Centro Comercial ‘La Barca’; en maio no Museo Torres de Marín, doando un cadro do Rei (técnica de pastel e ceras) para os fondos del Museo; en xuño na área Panorámica de Tui; en xullo no Complexo Hostaleiro Braseirâo do Minho (Portugal); en outubro no Casino Mercantil de Pontevedra e en decembro participa na exposición colectiva do ‘Día do Artista’ no Liceo Casino de Pontevedra e queda finalista no ‘Certame de Pintura dos Maiores de Galicia’ en Santiago.
En marzo de 2004 realiza a exposición colectiva itinerante ‘Camiños de Portugal a Santiago’ cunha duración de once meses nas seguintes salas: Arcoz de Valdevez, Vilanova de Cerveira, Melgaço, Ponte de Lima e Forum de Maia (Portugal), Tui, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Padrón e Santiago de Compostela (España); no mes de decembro participa na exposición colectiva na Zona Monumental de Pontevedra e queda finalista no ‘II Certame de Pintura dos Maiores de Galicia’.
Ten levado a cabo máis de trinta exposicións colectivas e outras tantas individuais de óleos e acuarelas, e algunhas só con debuxos do 1º Premio de Debuxo Genaro Pérez Villamil convocado en Ferrol. No catálogo Internacional que se editou para dito evento, nas páxinas dedicadas a España foron seleccionados tres debuxos. No 1º e 2º Concurso de Arte Postal Internacional foron seleccionados seis debuxos para postais. Durante catro anos consecutivos foi seleccionada con diploma de honra na Bienal de Pontevedra ‘Nuevos Valores’, con diploma de honra e nos concursos que celebra o Concello de Vilagarcía de Arousa para Pintores Noveis. Tamén recibiu o Premio Camelia de Prata e diploma en Vilagarcía de Arousa con motivo da Festa Internacional da Camelia por un cadro alegórico ó mar con camelias. Ademais, foi seleccionada tres veces consecutivas en Arte Novo Galego do Corte Inglés de Vigo. A partir do 12 de xuño de 2003 pasa a ser presidenta da Asociación Artística Cultural de Pontevedra.
Figura no libro ‘Pintores de Galicia’ (1997) e na ‘Guía de Arte’, páxinas 224-225 (2004.
Páxinas Web:
www.asacpo.com
www.terra.es/personal9/matecoci/home.html