Licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela.
Profesora numeraria de IES. Lectora da Universidade da Alta Bretaña en Rennes.
Premio Losada Diéguez de Creación Literaria polo poemario ‘Nós nus’.
Premio de Investigación Ánxel Fole polo estudo ‘Uxío Novoneyra. Lingua loaira’.
O Patronato da Cultura Galega de Montevideo dedicoulle o Día da Poesía Galega 2004.
Como poeta, publicou os poemarios ‘A teta sobre o sol’ (1996), ‘Nós nus’ (1997) e ‘A cousa vermella’ (2004). Tamén publicou numerosos poemas en libros de arte, antoloxías, libros colectivos, revistas (Ólisbos, Animal, Unión libre, Valdeleite, Festa da Palabra Silenciada, Dorna, Xistral) e xornais (El País, ABC).
Como ensaísta publicou os libros’ Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer’ (1995), ‘O lume vital de Claudio Rodríguez Fer’ (1999) e ‘Uxío Novoneyra. Lingua loaira’ (2005). Participou con estudos e ensaios en congresos e revistas galegas (Moenia, Boletín Galego de Literatura, Anuario de Estudios Literarios Galegos, Revista Galega do Ensino, A Nosa Terra, etc.) e foráneas (Ínsula, La Torre. Revista de la Universidad de Puerto Rico). Centrouse sobre todo en propostas de vangarda europeas, en particular surrealistas e de temática erótica, pois escribiu sobre o escritor André Breton, o cantautor Léo Ferré, o pintor Eugenio Granell e o polígrafo Fernando Pessoa.
Formou parte dos comités de redacción das revistas Ólisbos, Animal, Unión libre e Valdeleite, sendo co-fundadora das dúas últimas. Traduciu, desde o galego, ‘El contradiscurso de las mujeres. Historia del proceso feminista’, de Carmen Blanco e coordinou os monográficos ‘Anarquía’ de Ólisbos (1997) e ‘Erotismos’ de Unión libre (1999).