Nelson Quinteiro


Categoría: Actor, cantareiro, bailarín, artista de rúa e director de escena
Data de Nacemento: 9 de maio de 1979
Lugar de Nacemento: Cangas do Morrazo (Pontevedra)
 Currículum

Dende o ano 2006 ten creado e dirixido o Festival Galego de Cabaré, que celebra no ano 2010 a súa quinta edición na cidade da Coruña. Ademais diso dirixe e coordina á Compañía Femme Fatale de teatro. No ano 2009 creou a Compostela Carpa Cabaré, que celebrou o Centenario da Feira Rexional Galega de 1909 nas Festas do Apóstolo. Ten, por outra banda unha traxectoria prolongada no mundo do canto e danza tradicionais, co que ten presentado espectáculos en solitario ou coa compañía CONTRA2, compartindo proxecto con Iván Villar. Dende o ano 2005 destaca como formador teatral e de voz, ofrecendo diferentes obradoiros entre Galicia e Euskadi, sobre todo. No ano 2010 chega a un acordo con Hacería Arteak de Bilbao para crear unha Compañía teatral centrada na súa linguaxe arredor do cabaré ou das artes de rúa.

 Obras realizadas

Dirección das 5 edicións do Festival Galego de Cabaré, Compostela Carpa Cabaré, Noites Efervescentes no Concello de Ferrol, Ciclo Son de Pé en Cangas do Morrazo ou Música en Tempos para o Excmo. Concello de Pontevedra. Con Femme Fatale ten creado, dirixido e interpretado as obras Lerchas, Varadas, Cabarédeambulante, Cabaréncrise, Ronda Poética ou Bonjour Bonjour! Dentro da escena do tradicional vén de presentar os espectáculos As Mans Perdidas en solitario ou Danza E Contradanza coa Compañía CONTRA2.

 Outros datos de interese

Foi colaborador do programa “Luar” da TVG durante a temporada 2004 Foi pregoeiro do Antroido Compostelán en 2009, e pregoeiro do Centenario da Feira Rexional Galega de 1909, Festas do Apóstolo 2009. Estudio Ciencias Políticas e da Administración, e aínda que a súa carreira profesional tirou por outros carreiros chegou a traballar durante os anos 2002 e 2003 como asesor externo da Excma. Deputación Provincial da Coruña.