Formado musicalmente en Suecia, onde reside entre 1976 e 1980, faise amigo de Mariano Cortez, que o introduciu no mundo da composición. Neses anos recibiu clases nas aulas de jazz do taller de música de Sollentuna, impartidas polo pianista Uffe Sandberg. Ó mesmo tempo cursa estudios de lingüística nas universidades de Upsala e Estocolmo. De regreso en España forma parte dos grupos galegos ‘Jazz Parabara’ e ‘Filloa Express’ e compaxina esta actividade coa docencia na Escola de Interpretación Baio de Vigo, dirixida por Alberto Conde. En 1982 crea CLUNIA, xunto co batería Fernando Llorca e o contrabaixista Baldo Martínez. É compositor da maioría dos temas do repertorio da formación. En todos estes anos de carreira, comparte escenario con músicos tan diversos como Jorge Pardo, Perico Sambeat, Marcos Teira, Paolo Fresu, Dulce Pontes, Manecas Costa, Joao Afonso, Tom Gullion, Alfonso Morán, Michael Macgoldrick, Karen Matheson, Xosé Manuel Budiño, Luis Emilio Batallán, Amancio Prada, Paco Charlín, Pablo Milanés e un amplo etcétera de músicos de tódolos estilos e lugares do mundo.
Ten publicadas as seguintes obras como intérprete: Clunia Jazz/ Clunia (1982); Afueras Periódicas/ Clunia (1984); My Favourite Things/ María Joao Quinteto (1985); Rúa Cega/ Clunia (1986); Ad Finen Seculorum, Compostela 93/ Nani García (1993); Carpe Diem/ Clunia (1995); Un Viaje Por Galicia / Nani García (1996); Galicia Terra Única, A Súa Música/ Nani García (1997); Blanca Madison, Escuma de Mar/Nani García (2003); As Leis de Celavella/Nani García (2004). Tamén realizou arranxos e traballou como produtor. Ó longo de todos estes anos participa en innumerables seminarios de Jazz. A partir dos anos noventa comeza a compaxina-la súa actividade de solista co seu labor de produtor musical. Así mesmo, realizou arranxos para diversos artistas galegos e tamén para editoriais nacionais e galegas. Como compositor destaca a banda sonora da que foi a primeira serie de televisión producida integramente en Galicia ‘Os Outros Feirantes’. Tamén compuxo e interpretou en vivo durante a proxección para a película ‘El sexto sentido’ (1926) programada no ciclo de cine mudo español en Xociviga en 1988. No campo da imaxe cabe destaca-la composición e interpretación durante a proxección da película ‘Un Viaje por Galicia’, primeiro filme restaurado pola filmoteca de Galicia C.G.A.I. presentado na EXPO 92 de Sevilla. Ten realizado música infantil, para teatro, longametraxes, curtametraxes, telefilmes, series e programas de TV, documentais, vídeo exposicións e anuncios.
En 1983 obtén o Premio Especial Jazz Stop á mellor composición e arranxos orixinais no marco do XVIII Festival Internacional de Donosti. É tan só o primeiro dos premios obtidos polo grupo, ó que seguen o segundo premio ó Mellor Grupo, o primeiro premio ó Mellor Grupo coa cantante lisboeta María Joao, con quen realizan ese mesmo ano unha xira por España con notable éxito (1985) e en 1986 foi nomeado Coruñés do Ano no apartado de Artes e Letras co grupo Clunia. Foi galardoado no programa de TVE ‘Jazz entre amigos’ polo seu labor co grupo Clunia. No ano 2001 crea xunto a Javier Ferreiro, membro de ‘Luar na Lubre’ a súa propia discográfica, ‘Xingra.com’ a través da que produce e edita novos valores.