Miro Villar


Categoría: Profesor, escritor, crítico literario e tradutor
Data de Nacemento: En 1965
Lugar de Nacemento: Cee (A Coruña)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Profesor de lingua e literatura galegas, poeta, narrador, crítico literario e tradutor en diversas revistas e publicacións periódicas. Forma parte do Batallón Literario da Costa da Morte, do Comité de Redacción da revista Dorna e do Consello Editorial da colección de poesía ‘Ablativo Absoluto’ de Edicións Xerais de Galicia.
Como poeta é autor de ‘Ausencias pretéritas’ (Espiral Maior, 1992), ‘42 décimas de febre’ (Toxosoutos, 1994), ‘Abecedario da desolación’ (Espiral Maior, 1997; premio Tívoli-Europa 1998) e ‘Equinoccio de primavera’ (Esquío, 1998; finalista do premio Tívoli-Europa 1999). Textos poéticos da súa autoría foron traducidos ao castelán, portugués, italiano, francés, alemán, inglés, alemán, ruso, albanés e serbocroata no volume ‘Il cammino di Santiago. La giovane poesia d'europa nel 1997’ (Melteni, 1998).
Os seus poemas tamén están presentes en numerosas revistas literarias e nos cartapacios colectivos ‘Ao mar de adentro’ (1989) e ‘A rota dos baleeiros’ (1991) das Edicións do Dragón, así como nas antoloxías ‘Para saír do século’ (Xerais, 1997), ‘Río de son e vento’ (Xerais, 1999), ‘dEfecto 2000’ (Letras de Cal, 1999), ‘A tribo das baleas’ (Xerais, 2001) e nos volumes colectivos ‘Nós. Batallón Literario da Costa da Morte’ (Concello de Corcubión, 1997), ‘Mar por medio’ (Concello de Corcubión, 1998), ‘Ourense, craro río, verde val’ (Concello de Ourense, 2001) e ‘47 poetas de hoxe cantan a Curros Enríquez’ (Xerais, 2001) .
Como narrador recibiu nos anos 1985 e 1987 o premio de relato curto Modesto R. Figueiredo do Padroado Pedrón de Ouro por ‘Augas de silencio’ e ‘Verbas cruzadas con Amaranta’ (Edicións do Castro, 1987/1988) e a Curuxa Literaria do Museo do Humor de Fene. Na literatura infantil e xuvenil vén de publicar ‘Carlota, a marmota’ (Xerais, 2000).
No eido do ensaio participou como relator en numerosos congresos e xornadas literarias, con relatorios recollidos nas súas respectivas actas, e publicou varias edicións críticas ou comentadas, como a ‘Antoloxía poética de Gonzalo López Abente’ (Espiral Maior, 1995), ‘Unha lectura de O soño sulagado’ (Xerais, 1998), ‘Roberto Blanco Torres. Orballo da medianoite’ (Xerais, 1998), ‘A poesía galega de Xervasio Paz Lestón’ (Do Castro, 1998), ademais de ser coautor dos volumes de publicacións periódicas e obras no ‘Dicionario da Literatura Galega’ (Galaxia, 1997/1999) e, xunto a Xesús Alonso Montero, dos ‘Textos e documentos para o congreso sobre García Lorca’ (Universidade de Santiago de Compostela, 1998). Na actualidade está a realizar a súa tese de doutoramento sobre a poesía galega de Antón Zapata García.
Finalmente, como tradutor verteu ao galego o ensaio ‘As pegadas de Santiago na cultura de Fisterra’ de Benjamín Trillo Trillo (Fundación Caixa Galicia, 1999), o poemario ‘Calafrío’ de Jorge Justo Padrón (Xerais, 2000) e os poemas de Bernardino Graña en ‘Poesía galega contemporánea’ (Litoral, 1996).