Enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid.
Posgrao en Enxeñería Eléctrica, especialidade en Sistemas de Teledetección, pola Universidade de Purdue, West Lafayette, Indiana (USA).
Especialista en Comercio Exterior pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.
Investigador en LARS (Laboratory for Applications of Remote Sensing) baixo o Programa Visiting Scientist da Universidade de Purdue (USA) realizando traballos de investigación en procesado dixital de imaxes.
En 1980, ao seu regreso de EEUU, comeza a súa traxectoria profesional no sector privado das Telecomunicacións e das Tecnoloxías da Información.
Entre 1980 e 1982 desenvolve a súa actividade profesional en compañías do sector das Telecomunicacións e das Tecnoloxías da Información.
En 1982 entra en Televés como Responsable de Sistemas de Television por cable. Durante este período é responsable do deseño e implementación dalgúns dos proxectos de distribución de Televisión por cable pioneiros en España e participa activamente nos traballos de deseño da rede da Televisión Autonómica de Galicia. Así mesmo, realiza diversos estudos sobre a cobertura de Radio e Televisión na Comunidade Autónoma de Galicia, asesorando á administración galega en numerosas ocasións.
En 1985 faise cargo das actividades de Expansión Internacional de Televés. Desenvolve toda a rede internacional desta firma galega, abrindo mercados nos cinco continentes e promocionando a marca Televés a nivel mundial. Na actualidade, a firma Televés conta cunha rede comercial composta por distribuidores oficiais e filiais propias que lle permiten vender os seus produtos en máis de oitenta países de todo o mundo e é unha das firmas máis recoñecidas do seu sector a nivel mundial.
Como responsable do departamento internacional do grupo, a maior parte da súa actividade profesional tivo lugar no estranxeiro. Nos seus frecuentes desprazamentos por todo o mundo, participa en numerosas reunións internacionais, imparte conferencias e cursos e participa en negociacións internacionais tanto con empresas privadas como con Organismos gubernamentais e entidades públicas. Crea tamén as filiais de Televés no estranxeiro, o que o leva a familiarizarse coa lexislación ao respecto en moitos países. Por todos estes motivos goza dunha ampla experiencia no sector internacional e ten abundantes contactos profesionais por todo o mundo.
En 2005 é elixido Decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia e Presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación desta mesma Comunidade, sendo reelixido por unanimidade para ambos cargos en marzo de 2009.
Durante o seu período á fronte do Colexio e da Asociación, profesionalizou a xestión de ambos e obtivo o respecto de empresas e institucións en materia de Telecomunicacións en Galicia. O colexio e a asociación tomaron un importante protagonismo no sector TIC Galego, liderando importantes iniciativas do mesmo e asesorando á Administración Autonómica en proxectos claves para o desenvolvemento de Galicia tales como a expansión da banda ancha ou o cluster TIC. O COETG é hoxe en día un organismo de referencia dentro do sector das Telecomunicacións e a Sociedade da Información en Galicia.
Na actualidade ocupa a Dirección de Desenvolvemento de Negocio do Grupo Televés.
Está casado e ten dous fillos.