Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade da Coruña, exerce como profesora de ensino secundario no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco (A Coruña) desde o curso 1999-2000, onde coordinou o Equipo de Normalización Lingüística ao longo de varios cursos. Entre o ano 2001 e o 2007 asumiu a responsabilidade de ser a Coordinadora Comarcal de ENL da Coruña para a organización comarcal do Correlingua.
É autora de breves ensaios de carácter divulgativo dirixidos ao público escolar como Os trobadores do Reino de Galiza (Ed. A Nosa Terra, 1997) ou Breve historia da literatura galega (Ed. A Nosa Terra, 1999). Tamén para o ámbito escolar, ten participado na elaboración de diferentes libros de texto para Ensino Secundario Obrigatorio centrados na materia de lingua e literatura galega. Colaborou na Historia da Literatura Galega editada en 1996 pola AS-PG / ANT, no volume centrado no estudo da obra xornalística e literaria de Lamas Carvajal, así como na antoloxía de textos do autor (Nº 15) e é coautora do manual divulgativo Historia xeral da literatura galega (A Nosa Terra, 2001), xunto co profesor Anxo Gómez Sánchez. No eido da tradución, é responsábel da versión galega dos volumes Nacionalismos no mundo, de Francisco Letamendía, e España uniforme, de José Ignacio Lacasta-Zabalza, publicados en Edicións Laiovento en 1997 e 2001 respectivamente. En 2002, ofreceu en Edicións Laiovento o ensaio divulgador da personalidade e da obra de Sarmiento, Frei Martín Sarmiento. O inicio da recuperación da conciencia galega. O seu traballo didáctico máis recente, en colaboración con Anxo Gómez Sánchez, consiste nunha achega da personalidade vital e creadora de Manuel María a través da elaboración da exposición Manuel María: a palabra viva (25 paneis) e da unidade didáctica dirixida ao alumnado de ESO titulada Ferrados de corazón, fanegas de alma (15 unidades). Desde o ano 2005 é secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega e entre 2006 e 2008 colaborou habitualmente co programa da TVG Libro aberto, na sección dedicada á difusión da historiografía literaria galega. En 2009 publicou en Edicións Laiovento, co gallo da dedicación do Día das Letras Galegas á figura de Ramón Piñeiro, o ensaio intitulado Ramón Piñeiro. A expresión cultural dunha estratexia política. Na actualidade, desde marzo de 2007, exerce profesionalmente como Coordinadora Territorial de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística para a provincia da Coruña. Ao longo dos dous últimos anos ten asistido como relatora a sucesivas convocatorias de formación do profesorado a respecto da planificación lingüística no ensino e do reto dos docentes ante unha necesaria innovación educativa, organizadas pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, CIG-Ensino, etc... Neste sentido, recentemente editouse na revista Saudiña (nº 15), coordinada pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, o artigo “A didáctica do galego desde os medios de comunicación” e mais a intervención “Ensino, educación e lingua galega hoxe”, que forma parte do volume colectivo “Ano Internacional das Linguas, 2008. Xornadas de Divulgación”, coeditado polo Concello de Noia e mais a Casa da Gramática – IES Virxe do Mar.