Diplomado en Lingua Francesa. Iniciou a súa militancia política no Partido Socialista Galego (PSG) a principios dos anos 70. Foi membro do secretariado político do PSG e en abril de 1979 encabezou a candidatura de Unidade Galega, na que estaba integrado, nas eleccións municipais no Concello da Coruña. Despois das primeiras eleccións municipais democráticas converteuse no primeiro alcalde nacionalista da Coruña, cargo que desempeñou desde abril de 1979 ata marzo de 1981. Logo da fusión con Esquerda Galega foi sucesivamente secretario de organización, vicesecretario xeral e secretario xeral do Partido Socialista Galego-Esquerda Galega. Foi deputado no parlamento galego en representación do PSG-EG na 3ª lexislatura. En 1992 o PSG-EG promoveu a creación de Unidade Galega, organización que se integrou no BNG en 1994 e da que Domingos Merino é o seu portavoz. Desde 1994 é membro do Consello Nacional e da Permanente do BNG na que ostenta a responsabilidade das Relacións Sociais. Foi membro do consello asesor de RTVE en Galicia a proposta do BNG. Actualmente é deputado do BNG no Parlamento de Galicia.
Entre as súas afeccións está o xadrez, no que conseguiu o título de Mestre Nacional e obtivo, entre outros, os seguintes títulos: Campión de Galicia en varias ocasións e dos Torneos Internacionais de Manresa, Can Picafort, León e Zamora. Tamén foi subcampión estatal ex-aequo e 32 veces internacional.