Foi un dos grandes autores do barroco galego. En 1639, iniciou a execución do cadeirado coral de San Martín Pinario, obra que acabaría sete anos máis tarde. En 1643, realizou traballos no Mosteiro de Sobrado (A Coruña) e en San Andrés de Barrantes (Cambados). Traballou na catedral de Santiago en 1643 e en 1658 no retablo maior do Hospital Real de Santiago. En Ourense traballou na catedral, no baldaquino de Oseira e no Mosteiro de Montederramo. Especialista en retablos, destacan os do Hospital Maior de Santiago, o do Mosteiro de Montederramo, o da capela da Concepción no deambulatorio da catedral de Ourense e o colexio da Compañía de Monforte. Foi tamén un escultor de renome, aínda que moitas das súas esculturas non chegaron ós nosos días.