Fixo o bacharelato na Academia Minerva de Pontevedra e logo cursou estudios na Facultade de Medicina de Santiago. Comezou os seus traballos xornalísticos en publicacións universitarias para seguir no desaparecido vespertino La Noche. É redactor excedente de Televisión Española en Galicia, sendo responsable dos servicios informativos en diversas etapas do centro rexional. Foi xefe de prensa da Universidade de Santiago durante unha década, director do servicios informativos de Televisión de Galicia e redactor-xefe da "Agencia Gallega de Noticias", director do xornal vigués "Atlántico Diario" e máis da revista galega "Eco", correspondente de "La Vanguardia" (de Barcelona) e da revista "Economía" (de Madrid) e redactor-delegado da revista galega "Chan", que se editaba en Madrid dirixida por Borobó. Durante os catro primeiros anos da autonomía mantivo unha sección diaria no xornal "Faro de Vigo". A maior parte da súa vida profesional transcorreu en "El Correo Gallego", onde actualmente é redactor e mantén a sección "Con acento gallego". Tamén foi colaborador de "O Correo Galego", o primeiro xornal escrito en galego, colaboración que tivo que deixar porque a declararon incompatible coa columna no xornal en castelán.
O seu labor xornalístico mereceu distintos premios, entre eles o primeiro premio do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, segundo premio Cidade de Vigo, ganador dúas veces do Premio Banco de Bilbao de Ferrol, premio Villa de O Grove, Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico "Álvaro Cunqueiro" , etc. Polas colaboracións publicadas no diario da tarde foi Premio Nacional de Xornalismo Universitario.