Estudou debuxo, pintura e escultura na Escola de Artes e Oficios de Vigo, onde tivo como profesores a Luis Torras e Camilo Nogueira.
En 1967 a Deputación de Pontevedra concédelle unha pensión para estudos de pintura, coa que se despraza á Madrid. Alí estuda na Real Academia de San Fernando e no Círculo de Belas Artes. O seu estilo comeza vinculado ao realismo costumista e académico, achegándose en ocasións á corrente estilística imperante: a nova figuración.
En 1968 viaxa a París atraído pola pintura dos distintos "ismos" que xurdiron no século XX, e a actividade artística da cidade do Sena lévao a realizar algún experimento informalista, que pronto descartará. Anos máis tarde visitará varias cidades de Italia a fin de analizar os mestres do Renacemento en directo.
Durante a súa estancia en Madrid Manuel Uhía entra en contacto co mundo editorial, onde colabora como ilustrador de libros, actividade que segue a compartir con pintura.
Na década dos 70 a pintura de Manuel Uhía decántase pola abstracción, que mostrou na III Bienal Internacional de 1978 e na V Bienal Nacional de 1979, ámbolas dúas en Pontevedra. A constante evolución do estilo apréciase no uso de ocres e contornos cada vez máis evanescentes.
O traballo de Manuel Uhía ven figurando en exposicións en varias cidades da Península e participou en mostras colectivas e bienais en Francia, Boloña, Frankfurt, Bratislava, Arxentina e México.
A súa traxectoria artística foi recoñecida en 1983 co mencións especiais no Salon d'Automne, en Avignon e Evian (Francia), Primeiro Premio concurso mascota RC. Celta de Vigo 1996, Premio de ilustración Rañolas 1997, O primeiro premio no concurso de imaxe institucional Caixanova 2000, Premio Multimedia 2001 (compartido) da Casa das Ciencias (A Coruña), Premio Galix de ilustración 2004, Distinción White Ravens 2009, Premio Frei Martin Sarmiento 2010 na primeira categoría, Premio Frei Martín Sarmiento 2014 - 2ªcategoría.
Manuel Uhía tamén publicou varios libros e colaborou como guionista e director de documentais de natureza submarina.