Médico en exercicio e entusiasta da arte clásica, desde moi nova ten unha gran afección pola arte en tódalas súas variedades. É, sen dúbida, na pintura e sobre todo ó óleo onde se perfecciona máis, desenvolvendo o oficio de pintora de maneira autodidacta, tratando de aprender de maneira continuada a base da análise de pintores clásicos e contemporáneos e de consellos e críticas de pintores de gran renome. A súa obra presenta unha gran variedade de motivos, cunha temática viva e elocuente prestando moita importancia á figura humana dinámica no seu hábitat natural e a escenas costumistas.
Empezou a expoñer a súa obra individualmente en setembro de 2001, cando realizou unha exposición no Auditorio de Lalín (Pontevedra), sendo apoiada por artistas da talla de Severino Carbajo e Pilar Ortega (pintores figurativos e restauradores do patrimonio eclesiástico de Castela-León) ós que considera os seus padriños e mestres. Despois ten realizado varias exposicións colectivas e as seguintes exposicións individuais: "Lembranzas" (2001, Lalín, Pontevedra), "Escenas" (2005, Ferrol), exposición colectiva en Barcelona (2006, Galería Crisolart) e exposición colectiva en ART NOCTURNE KNOCKE 2006 (Bélxica). No ano 2007 ten programada unha exposición colectiva en Barcelona coa Galería Crisolart. Ten editados os catálogos "Guía cultural 2002", "Guía cultural 2004 de Artistas Galegos”, editadas pola Xunta de Galicia e “Artistas para el museo del mañana" editada por Ediciones Ecuador.
Participou e foi premiada polas súas participacións en concursos universitarios de pintura rápida, con técnicas múltiples. Colaborou con asociacións humanitarias, sociais, sen ánimo de lucro, coa confección de carteis publicitarios para acontecementos diversos.