Empezou a estudiar as técnicas pictóricas con Roman Navarro ós 8 anos. Foi nomeado profesor adxunto de Debuxo da Escola de Artes e Oficios cando aínda era moi novo. Estudiou na Facultade de Ciencias de Santiago de Compostela e logo foi a Madrid para opositar ó Corpo de Aduanas, onde obtivo praza en 1922. Abriu un estudio en París e ampliou coñecementos pictóricos con viaxes a outras capitais. Regresou a Madrid en 1932 e en 1949 conseguiu a praza de profesor titular na Escola Central de Belas Artes.
Foi principalmente retratista e entre os retratos que realizou están os de Camilo José Cela, Escrivá de Balaguer, Pío Baroja, Gregorio Marañón, etc., aínda que tamén pintou bodegóns e espidos, o que lle valeu numerosos premios en exposicións nacionais.
Foi académico de número, profesor e presidente da Sección de Pintura da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, académico da Real Academia Galega e académico de honor da Real Academia de Belas Artes da Coruña. O Goberno incorporouno ó grupo de asesores da Administración para adquirir e vender obras de arte.