É arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid e doutor arquitecto pola Universidade de Santiago de Compostela, realizando a súa tese ("Cum laude") sobre a evolución do espacio público nas cidades europeas. Actualmente, é profesor titular de Análise de Formas Arquitectónicas na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Participou como relator en congresos nacionais e internacionais e impartiu cursos de doutoramento sobre "A evolución e simboloxía das cidades actuais" en España e no estranxeiro. Colabora na construcción e planificación do Instituto Internacional de Información de Propietarios Estranxeiros para asesoramento a residentes estranxeiros en España.
Entre as súas obras máis importantes no exercicio profesional como arquitecto, destacan os proxectos do Café-Bar Brujas na Coruña (1979), do paseo marítimo de Pontedeume (A Coruña, 1993) e da rehabilitación da Torre de Andrade de Pontedeume (A Coruña). Realizou tamén o centro para a terceira idade "Torrente Ballester" na Coruña, a proposta para o tratamento do Centro Histórico da cidade da Coruña (1999) e o refuxio de pescadores en Redes (A Coruña). Ten en execución o Centro de Control dos túneles de Pedrafita do Cebreiro (Lugo), o edificio de oficinas na Coruña para o Ministerio de Fomento e o Museo da heroína María Pita (A Coruña). É o arquitecto e promotor dos edificios de vivendas situados en r/ Orzán, 208 e r/Fernández Latorre, 104, ámbolos dous na Coruña. Escribiu os libros Los orígenes de Compostela, 1987 (ISBN 84-505-6648-7) e La catedral del fin del mundo (ISBN 84-923996-1-9).
É membro da Asociación Española de Arquitectura e Enxeñería Hospitalaria, AEDIAH GALICIA, delegación galega. Entre os premios que conseguiu, destaca o IX premio do Colexio de Arquitectos de Galicia ó mellor edificio de vivenda colectiva na Coruña nos anos 1999 e 2000 e o "VI premio Julio Galán Carvajal de Arquitectura de Galicia, Asturias e León", con mención no apartado de rehabilitación.